Ángel Moldes: “Os nosos maiores merecen Xuntanzas como esta, que espertan ilusión, fomentan a convivencia e celebran a vida”

20/04/2026

A alta participación, con todas as prazas esgotadas, amosa o interese que esperta esta cita entre a veciñanza. O alcalde destaca que o éxito da xuntanza radica en “escoitar e atender as peticións dos nosos maiores”

A Seca reuniu hoxe 500 persoas na III Xuntanza de Maiores organizada polo Concello de Poio, nunha xornada marcada pola alta participación e o ambiente festivo.

Durante a súa intervención, o alcalde, Ángel Moldes, subliñou que “os nosos maiores merecen xuntanzas como esta, que espertan ilusión, fomentan a convivencia e celebran a vida”, ao tempo que puxo en valor o seu papel na construción do municipio. Neste sentido, lembrou que “co seu esforzo e sacrificio fixeron posible o Poio que hoxe desfrutamos”.

Neste sentido, destacou a importancia de iniciativas como esta para fomentar o envellecemento activo e fomentar a participación social. “Este é un Goberno para todas e para todos, que impulsa iniciativas para as familias, para os nenos, para os mozos e, por suposto, tamén para os nosos maiores”, engadiu.

O alcalde tamén incidiu en que “o único segredo do éxito desta convocatoria reside en saber escoitar e atender as peticións da veciñanza”, lembrando que esta xuntanza responde a unha demanda histórica das persoas maiores. “O feito de que en só tres edicións estea plenamente consolidada demostra que foi un acerto”, engadiu.

Ás 14.00 horas comezaron a chegar os asistentes a un xuntanza que ofreceu no menú empanada, callos, carne ao caldeiro, bebidas e postre, todo amenizado coa actuación en directo do Dúo Prisma, que deu paso ao baile e sorteos de agasallos doados por comercios locais. A maior parte dos 500 asistentes foron veciños de Poio, pero tamén se achegaron ata a carpa instalada na Seca persoas procedentes de concellos da contorna. Cada asistente pagou 25 euros por participar.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio