O alcalde entregou esta tarde ao presidente da agrupación de voluntarios, Manuel Vicente, unha das insignias con maior distinción do Concello. Destacou a “admiración, respecto e profundo agradecemento” do municipio cara a cada unha das persoas que integran ou integraron a agrupación ao longo destes trinta anos.
O Concello de Poio fixo entrega hoxe da Medalla de Ouro á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, unha das distincións máis altas coas que conta a institución para recoñecer, enxalzar e agradecer a importante labor que desenvolven desde hai máis de trinta anos ao servizo da veciñanza.
O acto institucional celebrouse no Casal de Ferreirós, e contou coa presenza do alcalde de Poio, Ángel Moldes; do delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera; do xefe do Servizo de Emerxencias en Pontevedra, Miguel Ángel Pérez Dubois, así como de membros da corporación municipal, veciños e representantes de colectivos e entidades locais, que quixeron sumarse á homenaxe e expresar o seu apoio aos voluntarios.
O alcalde de Poio destacou a “admiración, respecto e profundo agradecemento” do municipio cara a cada unha das persoas que integran ou integraron a agrupación ao longo destes trinta anos: “Falamos dun colectivo exemplar, formado por homes e mulleres que dedican o seu tempo e esforzo, de maneira totalmente altruísta, para estar sempre ao lado da cidadanía. Son os primeiros en chegar ante calquera emerxencia, os que nunca fallan cando se lles precisa. Grazas ao seu altruísmo, compromiso, entrega e xenerosidade, Poio é, sen dúbida, un concello moito mellor”, sinalou.
Explicou que a Medalla de Ouro simboliza o recoñecemento público a unha traxectoria marcada polo servizo desinteresado, a entrega e a responsabilidade, valores que converten a Protección Civil de Poio nun exemplo para toda a sociedade. “Poio pode estar orgulloso da súa Agrupación de Protección Civil”, e asegurou sentir “respecto e admiración, como cada un dos colectivos, asociacións e clubs do noso concello”.
Nesta liña, puxo en valor que “eles sempre están aí, a cambio de nada. Independentemente da hora, cando a súa axuda é fundamental, en situacións de emerxencia; pero tamén en calquera evento festivo, cultural ou deportivo, renunciando ao seu tempo de lecer para ofrecernos seguridade e protección ao resto. Exponse, renuncian, pero manteñen intacto o seu compromiso de servizo á cidadanía”.
Durante o acto, o presidente da Agrupación, Manuel Vicente, recolleu a insignia e asinou no Libro de Honra do Concello, en representación de todas as persoas que ao longo destas tres décadas fixeron posible o funcionamento deste servizo esencial. Durante a súa intervención, tivo palabras de agradecemento ás 40 persoas que na actualidade forman parte da agrupación, pero tamén para todas aquelas que xa forman parte da súa historia. Para elas, pediu “a mesma lealdade que cada día amosan os voluntarios coa cidadanía”, recordando que a súa é unha labor voluntaria que, en moitas ocasións, confúndese e dilúese entre o persoal das administracións. Ademais, quixo dedicar tamén este recoñecemento ás súas familias, “que perden de estar con nós por esta afección que temos de destinar o noso tempo a axudar aos demais. Tempo que lle restamos a eles para intentar conseguir unha sociedade mellor”.
A concesión da Medalla de Ouro á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Poio foi aprobada de xeito unánime pola corporación municipal no pleno do 30 de setembro, sesión na que tamén se acordou outorgar esta mesma distinción á Garda Civil de Pontevedra.