Conta cun orzamento de 730.000 euros para recuperar a contorna e mellorar a mobilidade neste lugar: “vai repercutir de xeito directo nunha mellora da calidade de vida e seguridade da cidadanía”. Catro empresas presentaron as súas ofertas para executar as obras.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, reuniuse onte pola tarde no Local Social do Pereiro coa veciñanza para explicar o proxecto de humanización que o Concello de Poio vai executar entre Casalvito e O Padrón. Moldes destacou que “é un investimento moi importante, de case 730.000 euros, que vai repercutir de xeito directo nunha mellora da calidade de vida e seguridade da cidadanía”.
Na reunión, Moldes explicou polo miúdo o proxecto, e destacou que “consideramos fundamental manter un diálogo aberto e directo coa veciñanza antes de comezar calquera obra de humanización e mellora da mobilidade nas nosas rúas. Non se trata só de executar unha actuación, senón de transformar o espazo público para facelo máis amable, accesible e sostible. Iso só é posible contando coa participación activa dos veciños e veciñas”.
Ademais, recoñeceu que aínda queda “moito traballo por facer” a pé de obra para coordinar toda a actuación, pero estas reunións previas son unha oportunidade para explicar polo miúdo en que consiste o proxecto: que cambios se van facer, como mellorará a mobilidade peonil e o tráfico rodado… “Pero tamén, e sobre todo, serven para escoitar as opinións e inquedanzas das persoas que viven día a día nese lugar e son os que mellor coñecen as súas necesidades, e por iso é importante facelos partícipes desde o primeiro momento”, engadiu.
O proxecto, que se vai executar con fondos provinciais, inclúe unha actuación integral nas rúa Cela e na rúa Padrón, na parroquia de Combarro, e na travesía de Casalvito, en San Xoán, e os seus tres ramais para convertelos en espazos máis accesibles e seguros, ao mesmo tempo que se poñen en valor estas zonas. Así, inclúese a renovación do pavimentado en toda a superficie de intervención, eliminando todas as barreiras arquitectónicas e creando unha plataforma única, dotación de servizos, iluminación LED, soterramento de instalacións de subministros e sinalización.
Estas rúas conectan as parroquias de San Xoán e Combarro, con grande interese tanto veciñal, para servizos sanitarios, alimentarios…, como turístico, ao situarse ao carón do casco histórico de Combarro e ser paso da variante espiritual do Camiño de Santiago. Mellora tamén o acceso á praia do Padrón, así como do conxunto histórico e pon en valor este espazo utilizando materiais máis sensibles coas contornas tradicionais, onde existen elementos con grande interese cultural e patrimonial, como son os cruceiros, lavadoiros…
Precisamente, onte rematou o prazo para que as empresas presentasen as súas ofertas para executar estas obras, que establece un tempo de execución máximo de oito meses. Foron catro as firmas que amosaron o seu interese. A valoración das ofertas comezará a abordarse mañá mesmo coa realización dunha mesa de contratación para abrir as ofertas administrativas (sobre A), e posteriormente convocarase a apertura dos sobres coa documentación técnica das empresas presentadas e admitidas no procedemento.
Por último, Moldes destacou que este 2025 vai ser un ano histórico para Poio a nivel de investimentos “prioritarios, transformadores e necesarios”, xa que ademais da humanización entre Casalvito e O Padrón, xa comezaron as obras para pavimentar e crear unha senda peonil e carril bici entre Chancelas e Combarro e para substituír a cuberta na nave de piragüismo de Combarro, está en proceso de adxudicación a transformación da Barca así como o parque de Colón en Ánkar, asinouse o convenio para a estrada provincial de Campelo, están avanzando no polígono de Fragamoreira e no novo contrato da auga, entre outros proxectos.