Preto de corenta persoas participaron esta mañá na iniciativa “O alcalde, máis preto de ti” en Combarro. O xoves 24 de outubro, a Alcaldía trasladarase á Escola Municipal de Tarrío, en Samieira, de 10.00 a 13.00 horas.
Ángel Moldes trasladouse esta mañá ata Casa do Campo, en Combarro, para atender á veciñanza a través do programa de participación “O teu alcalde, máis preto de ti”. Unha iniciativa que está espertando grande interese, de feito esta maña foron preto de cuarenta as persoas que se achegaron ao longo de toda a mañá ata este espazo para trasladarlle algunhas das súas propostas, peticións e inquedanzas ao alcalde.
Nesta liña, as máis repetidas no caso de Combarro foi a necesidade de aumentar as prazas de aparcamento público, as dificultades que teñen os residentes no acceso ao casco vello, propostas para adecentar o acceso á Escola do Campo e a importancia de seguir incidindo na campaña municipal para manter as rúas de Combarro limpas dos excrementos dos animais. Ángel Moldes recordou que ampliar as prazas de aparcamento é unha das prioridades que se marcou este Goberno e, de feito, adiantoulles que nos próximos días estarán en disposición de facer anuncios importantes neste senso.
Para o alcalde, todas estas propostas reflicten a realidade e as necesidades que hai no día a día dos veciños e das veciñas de Combarro. “Estas reunións son unha oportunidade para aproximarnos a eles e escoitar cales son as cuestións, prioridades e inquedanzas de cada lugar”. Neste senso, pon como exemplo que na primeira reunión que se fixo en San Salvador, no Pazo de Besada, unha das propostas era dotar dunha marquesiña á parada escolar que hai diante do aparcamento da rúa Valiñas, “unha proposta totalmente construtiva, razoable e necesaria e que xa respondemos en cuestión de días”.
“O alcalde, máis preto de ti” é un programa de participación cidadá que pretende achegar a administración local e a atención aos veciños de todas as parroquias. Busca fomentar o contacto directo coa veciñanza, trasladando a Alcaldía desde San Xoán a San Salvador, Campelo, Combarro, Samieira e Raxó.
Como mínimo unha vez ao mes Moldes desprázase a espazos municipais en todas as parroquias. A seguinte cita é en Samieira, o xoves 24 de outubro, de 10.00 a 13.00 horas no Espazo Municipal de Tarrío. Ademais, atenderá no Centro Cultural Xaime Illa, en Raxó, o mércores 30 de outubro. Son reunións individuais para as que non é preciso solicitar cita previa. O calendario de novembro darase a coñecer nas semanas próximas.