Adiantaron que a Xunta prepara o proxecto para o itinerario que unirá Combarro e Covelo, para ofrecer un itinerario continuo e seguro entre sendas e beirarrúas.
O alcalde Ángel Moldes e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitaron a senda da PO-308, entre Fontenla e Combarro, un itinerario seguro de sendas e beirarrúas que contou cun investimento de 1,7M€ de fondos europeos MRR.
A nova senda, que ten unha lonxitude de 1,7 quilómetros, permite a circulación de peóns e ciclistas non deportivos pola marxe esquerda da estrada autonómica PO-308, desde a glorieta que dá acceso á variante norte de Poio ata o núcleo de Combarro.
A actuación completouse con outras intervencións como a habilitación dunha pasarela sobre o arroio da Cancela, así un novo itinerario no viario de baixada á Seca, a dotación de zonas axardinadas, mobiliario urbano ou a disposición de catro novas marquesiñas nas paradas de autobús, ademais das actuacións na rede de drenaxe, de abastecemento, electricidade e iluminación.
Ademais, para garantir a seguridade na circulación rodada, abordáronse medidas para contribuír a calmar o tráfico: a mellora das interseccións, entre elas, a de acceso ao instituto ou a habilitación de dúas glorietas, unha delas de acceso á zona de Seca.
Esta actuación permite conectar varios puntos de interese, como son o conxunto histórico de Combarro, así como o parque da Seca, o colexio Isidora Riestra ou a praia do Padrón, garantindo a seguridade nos desprazamentos da cidadanía e fomentando a mobilidade sostible.
A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas avanzou que na segunda fase deste plan se abordará outro treito de senda nesta PO-308 que unirá Combarro, onde agora finalizou a obra, con Covelo, que se cofinanciará con fondos europeos FEDER.