Ángel Moldes asegura aos hostaleiros de Combarro que a ordenanza de terrazas adaptarase ás necesidades reais de Poio

12/02/2024

“É unha demanda histórica, que ademais de ofrecer unha estética homoxénea tamén pretende resolver os problemas da hostalaría e garantir a convivencia entre negocios e veciños”.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, continúa cos hostaleiros de Combarro a rolda de contactos para avanzar na elaboración da ordenanza municipal de terrazas. Esta mañá mantiveron unha reunión informativa, na que participaron tamén a concelleira de Urbanismo e Turismo, Rocío Cochón, e a técnica municipal responsable da súa redacción, onde Moldes asegurou que este “é un documento imprescindible que vai adaptarse ás necesidades reais e á idiosincrasia de Poio”.

Nesta liña, indicou que con estas reunións o Goberno abre un proceso dialogado para intentar consensuar, organizar e concretar esta ordenanza. Así, xa se reuniron cos hostaleiros de Raxó, e esta mañá foi a quenda de Combarro. “É unha demanda histórica, que ademais de intentar unificar e harmonizar a imaxe, tamén vai ser un instrumento útil para resolver os problemas da hostalería e garantir a convivencia entre negocios e veciños”, indicou.

Ademais de explicarlle polo miúdo os aspectos técnicos recollidos no borrador da ordenanza e escoitar as propostas das persoas asistentes á reunión, tamén adiantaron que agora ábrese un proceso de traballo de campo, no que o persoal técnico se trasladará ata o casco histórico de Combarro para seguir avanzando, polas particularidades que ten este lugar.

Moldes incidiu en que “a nosa ordenanza non vai ser ningunha copia doutro concello nin vai estar feita a correr para cumprir co trámite en vésperas de eleccións. Vai ser un documento moi meditado e analizado, unha ordenanza feita en Poio e para a hostalería de Poio. Levamos máis de quince anos esperando por este documento, é unha das ordenanzas máis importantes do nosos concello e, por fin, vai ser unha realidade”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio