“Cando practicamente todos os concellos de Galicia están subindo impostos, Poio é unha excepción, pero é unha decisión meditada, planificada e, sobre todo, xusta para a veciñanza”.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, anunciou esta mañá que, en cuestión de días, no pleno de decembro, o Goberno vai aprobar a baixada do recibo do Imposto de Bens Inmobles en catro puntos, do 0,47 actual ao 0,43. “Imos facer realidade unha demanda da cidadanía de Poio e un dos nosos compromisos de Goberno, aliviando a presión fiscal nun dos impostos máis significativos para os veciños, na redución que afecta dun xeito máis directo e amplo a toda a cidadanía”, sinalou en rolda de prensa.
Unha redución de catro puntos que supón unha rebaixa de aproximadamente 300.000 euros, “que van volver ao peto das familias. Imos axudarlles a dispoñer de máis recursos para o seu aforro e consumo”. Neste senso, recoñeceu que é un esforzo para o Goberno, “que estamos dispostos a asumir”. Así, apuntou que mentres practicamente todos os concellos de Galicia e España están subindo impostos, “Poio é a excepción cunha decisión meditada, planificada e, sobre todo, xusta para os nosos veciños. Como dixemos hai un ano, unha vez xestionada a difícil situación económica que herdamos, estamos xa en disposición de continuar coa nosa reforma fiscal”.
Con todo, recoñeceu que para as arcas públicas suporá un esforzo pola redución de ingresos que conleva esta medida: “un esforzo que pasa polo noso compromiso para xestionar os recursos públicos de xeito eficiente e responsable, co compromiso de que en ningún caso a prestación ou a calidade dos servizos se verán afectadas”.
Acompañado polos concelleiros Rocío Cochón e Tucho Muíños, recordou que “o noso compromiso para reducir a presión fiscal das familias de Poio é evidente e xa quedou claro o ano pasado, cando a pesar de toda a situación económica que herdamos, aprobamos a primeira redución de impostos e taxas, que xa se aplica neste orzamento. Continuou a mediados deste ano, aumentando as bonificacións nos recibos do IBI e o número de familias numerosas que se poden acoller, que tamén é unha realidade que xa están solicitando. E hoxe seguimos avanzando, damos un paso firme e decidido para baixar o IBI”.
Por iso, amosouse “ilusionado” ao anunciar esta medida: “somos coherentes, responsables e seguimos cumprindo coa nosa palabra, convertendo promesas en feitos, en medidas que axudan ás familias de Poio e alivian a súa presión fiscal”. Por iso, agradeceu tamén a todas as persoas e veciños que durante anos reclamaron esta redución do recibo, “porque gracias ao seu apoio, hoxe é unha realidade”.
A baixada do IBI en catro puntos aprobarase no pleno de decembro e, posteriormente publicarase o acordo e exporase ao público. De non haber alegacións, comezaría a segunda fase, que é a aprobación definitiva. Os recibos do IBI devénganse o 1 de xaneiro de cada ano, polo que segundo estes tempos administrativos, a redución do recibo aplicaríase nos recibos de 2026.