Participou na inauguración do I Congreso de Atención Temperá que se celebrou no concello, xunto coa conselleira de Política Social, Fabiola García, e co presidente de Cogami, Anxo Queiruga.
O Pazo Besada acolleu este sábado o I Congreso de Atención Temperá de Poio, “Medrando en Familia”, unha xornada que reuniu a un cento de persoas e completou todas as prazas dispoñibles. O encontro naceu co obxectivo de crear un espazo de intercambio de coñecementos e experiencias entre profesionais de distintos ámbitos e familias usuarias do servizo, abordando a atención temperá desde as perspectivas sanitaria, educativa, social e familiar.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, participou na inauguración das xornadas xunto á conselleira de Política Social, Fabiola García, e ao presidente de Cogami, Anxo Queiruga. Durante a súa intervención, destacou a consolidación da Unidade de Atención Temperá de Poio, posta en marcha hai menos dun ano e medio e que xa atendeu a un cento de menores do municipio.
Moldes agradeceu o traballo das profesionais que integran o servizo —unha psicóloga, unha fisioterapeuta e unha logopeda— e salientou a importancia dunha iniciativa que “deixou de ser unha aposta municipal para converterse nun servizo esencial para cen familias de Poio”.
Neste sentido, subliñou que son as propias familias usuarias quen mellor poden valorar o impacto da atención temperá no desenvolvemento dos seus fillos e fillas. “É un servizo do que estamos moi orgullosos por todo o que implica, por todos os avances que se conseguen nos menores en moi pouco tempo, polo apoio que se ofrece ás nais e pais e porque investir nos nenos e nenas de Poio é investir nun futuro mellor para todos”, indicou.
O rexedor destacou tamén o papel do equipo profesional da Unidade de Atención Temperá, sinalando que “detrás de cada avance, de cada logro e de cada sorriso hai un traballo profesional, coordinado e comprometido que contribúe a construír unha sociedade máis inclusiva e con máis oportunidades”.
Tras a inauguración, a psicóloga especializada en Atención Temperá e coordinadora da unidade de Poio, Sonia Limés, abriu o programa de intervencións. A continuación participaron Laura Arias, especialista en Pediatría e Neuropediatría; Rosa Freire, traballadora social do Concello de Poio; Ana Martín-Serrano, nai dun neno autista e creadora de La Monda, unha marca galega especializada en prendas adaptadas, complementos funcionais e ferramentas deseñadas para persoas neurodiverxentes; e Nerea Díaz, mestra de Educación Infantil especializada en pedagoxías activas e innovación educativa.
A xornada concluíu cunha mesa redonda aberta á participación das familias asistentes, favorecendo o intercambio de experiencias e reflexións arredor dos retos e oportunidades da atención temperá.
Durante a celebración do congreso, o Concello de Poio ofreceu ademais un servizo gratuíto de monitorado infantil para facilitar a conciliación das familias participantes.