O concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García, subliña que esta actuación “responde ao compromiso do Goberno local de seguir investindo na mellora das infraestruturas municipais e na seguridade viaria”.
O Concello de Poio vén de adxudicar á empresa COVSA a primeira fase das obras de mellora do firme e da drenaxe de augas pluviais no Camiño da Escola, en Chancelas, cun investimento de 62.946,12 euros.
Esta actuación será financiada con fondos do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra e permitirá incrementar a seguridade viaria e mellorar a calidade de vida da veciñanza da zona.
Segundo explica o concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García, trátase dun camiño municipal que dá acceso ao centro educativo e conecta diferentes núcleos urbanos con praias de gran afluencia. “É unha vía moi utilizada que, ademais, funciona como corredor alternativo de circulación, especialmente durante a época estival”, destaca.
Na actualidade, o Camiño da Escola presenta unha anchura media de entre sete e nove metros e un pavimento asfáltico que amosa un notable deterioro en varios tramos debido ao tránsito continuado de vehículos e á acción da auga. Ademais, a configuración do terreo, con pendentes lonxitudinais e puntos de escorrentía lateral, favorece que as choivas intensas aceleren o desgaste do firme, provocando erosión e arrastre de materiais.
Co obxectivo de corrixir esta situación, executarase unha intervención que combinará a rehabilitación do pavimento coa mellora do sistema de drenaxe. Para iso instalarase unha nova rede de evacuación de augas pluviais, que incluirá solucións soterradas mediante tubaxes e sumidoiros, complementadas coa recollida superficial a través de cunetas ao longo do tramo de actuación.
Os traballos contemplan a colocación de 115 metros de tubaxe de PVC de 400 milímetros de diámetro, a execución de 145 metros de cuneta e a instalación de cinco pozos de rexistro e cinco sumidoiros, co fin de optimizar a recollida e canalización das augas de escorrentía cara aos colectores existentes.
Marcial García subliña que esta actuación “responde ao compromiso do Goberno local de seguir investindo na mellora das infraestruturas municipais e na seguridade viaria”. O concelleiro destaca que “a correcta canalización das augas pluviais é fundamental para garantir a conservación dos viarios e evitar problemas que afectan tanto á mobilidade como ao día a día da veciñanza”. Ademais, asegura que “esta primeira fase permitirá dar resposta a unha demanda existente na zona e senta as bases para continuar avanzando na modernización e mantemento da rede viaria municipal”.