O proxecto está cofinanciado entre o Concello de Poio e a Xunta de Galicia, e a previsión é que estea rematado no último trimestre deste ano. Ángel Moldes destaca que esta actuación “é prioritaria e imprescindible para mellorar a accesibilidade e a comunicación entre o núcleo da Bouza e Combarro, unha vía moi transitada pola veciñanza” e “cuxa transformación pronto será unha realidade”.
O Concello de Poio vén de adxudicar as obras para acondicionar o firme e crear unha senda peonil e carril bici entre Chancelas e Combarro á empresa COVSA, por importe de 450.000 euros.
Un total de dez empresas presentaron ás súas ofertas para un proxecto que será cofinanciado entre a Xunta de Galicia, a través do Fondo de Cooperación Local, e o Concello de Poio, neste caso con fondos do plan +Provincia. Unha vez adxudicado o proxecto, nos próximos días a empresa deberá presentar un plan de seguridade e a acta de comprobación do replanteo para iniciar coas obras a principios de maio. O prazo de execución é de seis meses, polo que as obras deberían estar remadas no último trimestre do ano.
O alcalde, Ángel Moldes, destaca que esta actuación “é prioritaria e imprescindible para mellorar a accesibilidade e a comunicación entre o núcleo da Bouza e Combarro, unha vía moi transitada pola veciñanza”. Así, apunta que é unha estrada municipal que neste momento conta cun importante estado de deterioro, producido pola circulación de vehículos e a erosión orixinada pola auga, e “cuxa transformación será pronto unha realidade”.
O proxecto contempla unha actuación única no Camiño Real de Chancelas, no tramo que vai entre os camiños da Bouza eo Camiño Loureiro. Inclúe a mellora e rehabilitación do firme existente e a instalación de cunetas para facilitar a evacuación de augas pluviais e o seu reasfaltado, mellorando así o acceso ás parcelas agrícolas existentes na zona. A plataforma para o tráfico rodado limitarase aos 4 metros de anchura, e crearase unha senda peonil e ciclista cunha anchura mínima de 2,5 metros, que integrará e unirá dun xeito sostible as parroquias os núcleos de A Bouza e Combarro para, deste xeito, dotar a este tramo dunhas características especiais que favorecerán o calmado do tráfico e o desprazamento sostible.
Por último, Moldes recorda que este ano vai ser histórico para Poio a nivel de investimentos, xa que ademais deste proxecto tamén hai que incluír a mellora da PO-308 desde A Barca a Casal de Ferreirós e da PO-303 en Samieira, tamén a través de convenios coa Xunta, así como a mellora da estrada provincial de Campelo ou a mellora da mobilidade entre Casalvito e O Padrón, con investimentos provinciais, entre outras actuacións.