Tamén hai mencións especiais para deportistas locais en categoría feminina, masculina e equipos pola súa traxectoria e logros esta tempada. Os premios e recoñecementos entregaranse o luns, 22 de xuño, coincidindo coa lectura do pregón que marca o inicio das festas do San Xoán.
O Consello Municipal de Deportes do Concello de Poio vén de anunciar os galardoados cos Premios San Xoán-Pepe Otero ao Deporte, uns recoñecementos que este ano recaen en Adrián Sieiro Barreiro, que vén de proclamarse Campión da Copa do Mundo en C-2 e con grandes apiracións para participar nos próximos Xogos Olímpicos; a Valeria Oliveira Otero e Alba Rodríguez Requejo, palistas do Piragüismo Poio campioas da Copa de España en C-2; e a Reserpón Poio Pescamar, por acadar esta tempada un ascenso histórico a terceira nacional.
Ademais, na última reunión que celebraron hai uns días, o Consello tamén acordou facer unha mención especial e recoñecer o esforzo e os logros a diferentes deportistas e equipos locais pola súa traxectoria ao longo desta tempada. Os premios e recoñecementos entregaranse o luns 22 de xuño, coincidindo coa lectura do pregón que marca o inicio das festas do San Xoán na Praza do Concello.
Así, na categoría masculina, as mencións especiais son para Javi Rodríguez, polo seu debut coa Selección Española de Fútbol; Cristian Fernández Nieto, campión galego de acuatlón; Alejandro Pérez Otero, campión galego de ILCA-4 (vela); Ricardo Escudero Sobrado, campión da Copa de España de Descenso en 2025 (bike); Lucas Alvariñas Iglesias, primeiro no ránking MiniBTT nas tempadas 2023, 2024 e 2025; Joel Núñez Jiménez, campión galego de altura sub-14 (atletismo); e Martín Amorín González, campión galego de A2 en clase ORC extra (vela).
Na categoría feminina, as distincións son para Lola Ferro Guiance, campioa de España en Idade Escolar (ximnasia rítmica); Eva Martínez, bronce no Campionato Galego de Ximnasia Rítmica; Paula González Esteban, campioa galega de Vaurien (vela); Lía Peón Taboada, gañadora de todas as probas galegas de BTT nas que participou; Antía Núñez Jiménez, campioa galega de altura sub-10 (atletismo); e Carolina Mastawesha Santos Villalón, campioa galega sub-23 en 800 metros e 1.500 metros (atletismo).
Con respecto aos equipos, entregarase ese recoñecemento aos equipos Balonmán Poio Artai, campión galego de 1º autonómica; Atlético Combarro, polo seu ascenso a 1º Rexional; Atlético Combarro Veteráns, campión de Liga e Ascenso a División de Honra; Atlético Combarro Prebenxamín, campión de Liga; Poio Pescamar Xuvenil Masculina, polo seu ascenso a Preferente; Poio Pescamar Infantil masculino, campión de Liga; Poio Pescamar Benxamín A, campión de Liga e Copa; Poio Pescamar Prebenxamín B, campión de Liga; Poio Pescamar Biberón, campión de Liga e Copa; e Poio Pescamar Infantíl Feminino, campioas da Copa Galicia.
A maiores, o Consello Local de Deportes decidiu ter un recoñecemento especial cara a AAVV de Lourido, polo 30 aniversario dos Xogos Deportivos de Lourido; ao Club Mariño A Reiboa, polo 30 aniversario da Concentración de Embarcacións Tradicionais; ao Club Ximnasia Rítmica Saraiba, que tamén celebran tres décadas desde a súa fundación; ao Poio Bike Club, que cumpre unha década; a Para-Bellum Fight Club, polo seu 15 aniversario; e, por último, a José Luis García Castiñeira, ex árbitro de fútbol, en recoñecemento a toda u nha vida adicada ao deporte e aos valores que representa.
Os criterios que se tiveron en conta á hora de facer a elección dos premiados nas diferentes categorías son a situación actual das diferentes modalidades, entendendo as limitacións e características de cada unha; a superación de resultados de anos precedentes; valoración por éxito individual e colectivo; logros a nivel provincial, autonómico, estatal, europeo ou mundial; consecucións de logros non acadados en anos anteriores; ascenso a categorías superiores; representacións de deportistas locais en clubs de primeira liña; recoñecemento do traballo, voluntariedade, promoción e implicación como eidos fundamentais para fomentar o deporte no noso municipio, así como fóra del; e número de licencias das diferentes modalidades deportivas.
