Actuacións para mellorar a recollida de pluviais e solucionar os problemas de inundacións no Xuviño

17/09/2024

Marcial García explica que a actuación contemplou a colocación de varias canaletas na rúa para evacuar a auga e evitar que as escorrentías desde o monte anegue as fincas e vivendas anexas.

O Concello de Poio realizou melloras na recollida de pluviais no lugar do Xuviño para, segundo explica o concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García, solucionar os problemas de inundacións e filtracións de auga que se orixinaban nas fincas e vivendas anexas desde que se fixeron as obras de humanización nesta rúa e, así, dar respostas ás reclamacións dos veciños. Unha actuación que incluíu a colocación de canaletas desde a parte máis alta da vía e nas zonas nas que hai vivendas para canalizar a auga e evitar as escorrentías desde o monte.

Neste senso, subliña que o Concello de Poio continúa deste xeito co seu esforzo para dotar e mellorar os servizos de todo tipo á veciñanza coa adecuación de infraestruturas. “Unha actuación simple, que permite desviar a auga polas canaletas para evitar inundacións, que eran moi frecuentes coas precipitacións e, así, mellorar a calidade de vida dos propietarios destas fincas e vivendas”, engade.

Esta actuación completa as obras de pavimentado que se fixeron este ano no camiño de Esperón a Xuviño e tamén no camiño de Cachafeiro, tamén neste lugar para dar solución aos problemas de inundacións tanto no vial, que complicaban a circulación de vehículos e o paso de peóns en épocas de chuvias intensas, así como nas fincas anexas. Unhas obras que incluíron tanto a dotación dun sistema de drenaxe e evacuación de augas pluviais mediante a instalación de tramos de tubaxe no tramo que quedou pendente, como o pavimentado do camiño.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio