Tamara González visitou o espazo para coordinar os traballos, que inclúen a colocación de tarima flotante, pintado do interior e tratamento das humidades, remodelación do baño e creación dun almacén.
A concelleira de Espazos Cidadáns, Tamara González, visitou esta mañá o Espazo Municipal da Ucha, na parroquia de San Xoán, para coordinar os traballos que se van realizar nas próximas semanas e que incluirán a substitución da baldosa actual por tarima flotante, tratamento para as humidades e pintado do interior do local, remodelación dun dos dous baños dispoñibles e creación dun almacén no aseo restante.
Uns cambios que, segundo indicou a concelleira, ofrecerá un espazo máis cálido, cómodo e funcional para o desenvolvemento de todas as actividades que se organizan na Ucha a través de diferentes colectivos locais. “Esta actuación permitirá mellorar de xeito importante o ambiente e a calidade deste espazo, eliminando as humidades e a frialdade da baldosa, para ofrecer un lugar moito máis confortable para o seu uso e con maiores comodidades”, explica González.
Estas melloras, que se executarán a través de fondos propios, inclúense dentro dun plan de actuación e mantemento que o Concello de Poio está realizando nos diferentes espazos municipais para, deste xeito, dar resposta ás necesidades que van xurdindo. Así, no último ano xa se actuou nos espazos municipais do Bao e Sartal, e actualmente estase traballando en Portosanto e na Casa Colón. Nesta liña, varou a comunicación constante e construtiva que se está mantendo de xeito permanente con todos os colectivos para seguir avanzando e mellorando estes locais.