Pilates, corte e confección, coro, memoria ou teatro son algunhas das propostas de Benestar e Igualdade para este curso

17/09/2024

Natividad Torres anima a anotarse: “é importante manterse activos, exercitar a mente e interactuar con outras persoas, cuestións que repercuten de xeito directo nunha maior calidade de vida”.

O Concello de Poio, a través da concellería de Benestar e de Igualdade, abre o prazo para anotarse nas actividades que se desenvolven ao longo de todo o curso, e que inclúen desde tai-chi, corte e confección, coro, clases de memoria, labores do mundo, clases de teatro, ata ioga, pilates e o programa de saudemente que se desenvolven por todas as parroquias. As persoas interesadas xa se poden anotar e informar no Palacete de Besada ou no teléfono 986 872 401.

A edil, Natividad Torres, anima a anotarse nestas propostas, “é importante manterse activos, exercitar a mente e interactuar con outras persoas, cuestións que repercuten de xeito directo nunha maior calidade de vida”. Ademais, destaca o importante traballo realizado polo persoal de Servizos Sociais para que o Concello de Poio ofreza aos seus veciños “unha programación variada, atractiva e moi interesante”.

As actividades de ximnasia (tai-chi) desenvolveranse as mañás dos luns, mércores e venres, ás 10.00 e 11.00 horas na Casa Rosada, cun prezo de de 12 euros ao mes; de ioga, no mesmo lugar, os martes e xoves ás 9.15 horas e cunha cota de 30 euros; e de pilates, os martes e xoves ás 10.30, ás 19.15 e ás 20.30, co mesmo prezo. Nestes dous casos, organízanse en colaboración co Asociación de Mulleres Airiños do Mar de Combarro.

As clases de corte e confección impartiranse os luns e mércores na Casa Rosada, ás 17.00 e ás 19.00 horas e teñen un custe de 25 euros ao mes, e é requisito que o alumnado dispoña dunha máquina de coser portátil ou que poida compartila con outra persoa inscrita no curso.

Asemade, o grupo de teatro para adultos desenvolverase os venres, de 19.30 a 21.00 horas, e o coro de maiores, os xoves de 17.00 a 19.00 horas, ámbolos dous na Casa Rosada.

O taller de memoria, preferentemente destinado para as persoas maiores de 60 anos, impartirase os luns e mércores de 17.00 a 19.00 horas e ten unha cota de 10 euros ao mes.

Nas clases de labores do mundo, os venres de 17.00 a 20.00 horas e organizado pola Asociación de Mulleres Progresistas, realizaranse actividades de bordado, calceta, punto iugoslavo, gancho, crochet, patchwork… Esta actividade ten un custo de 25 euros ao mes.

Por último, o programa Saudemente terá un carácter itinerante e levarase a cabo na Seca, Campelo, Combarro, Raxó, Samieira e Vilariño e, neste caso, a cota é de 10 euros ao mes.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio