Actividades ao aire libre para adultos e obradoiros infantís polas parroquias durante o verán

01/07/2025

A Sardiñada da Casa Rosada celébrase esta tarde, 1 de xullo, a partir das 18.00 horas.

O Concello de Poio, a través da Concellería de Benestar e Igualdade, pon en marcha un variado programa de actividades estivais ao aire libre, dirixido tanto á poboación adulta como á cativada, co obxectivo de fomentar os hábitos saudables e o lecer activo durante os meses de verán.

No marco do programa Cóidate Sempre, desenvolveranse sesións semanais de exercicio físico para persoas adultas. As citas terán lugar todos os mércores de xullo e agosto, de 10:00 a 11:00 horas, nos xardíns da Casa Rosada, e os venres, no mesmo horario, na Reiboa (A Seca). Durante aproximadamente unha hora, as persoas asistentes poderán participar en rutinas de exercicio e estiramentos adaptados, sen necesidade de inscrición previa. Só é preciso acudir con roupa cómoda e auga.

Ademais desta actividade, en agosto programaranse obradoiros por parroquias para a rapazada, co obxectivo de que disfruten do ocio e de actividades ao aire libre tamén durante os meses de xullo e de agosto, e o fagan nos lugares máis concorridos durante as vacacións de verán, como poden ser as praias ou as prazas, ao tempo que se fomentan as actividades e creacións con materiais reciclados. Así, na praia de Lourido será a finais de xullo, coincidindo coa celebración dos Xogos de Verán; en Vilariño, o 7 e 8 de agosto ás 11.30 horas; na Praza da Chousa, en Combarro, o 12 e 13 de agosto ás 19.00 horas; en Cabeceira, 19 e 20 de agosto, ás 19.00 horas; na praia do Laño, Samieira, o 21 e 22 de agosto (19.00 horas); e, en Raxó, o 27 e 28 de agosto ás 19.00 horas.

SARDIÑADA NA CASA ROSADA

Por outra banda, mañá martes celebrarase a tradicional Sardiñada da Casa Rosada, dirixida ás persoas maiores e ao alumando do centro social.

A entrada será de balde. As sardiñas asadas comezarán a prepararse ás 18.00 horas e, posteriormente, comezará o reparto de racións, que estarán acompañadas de viño e pan de millo. A velada estará amenizada con actuacións musicais.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio