A Sardiñada para maiores na Casa Rosada celébrase este venres, 3 de xullo, a partir das 18.00 horas.
O Concello de Poio pon en marcha un variado programa de actividades estivais ao aire libre, dirixido tanto á poboación adulta como á cativada, co obxectivo de fomentar os hábitos saudables e o lecer activo durante os meses de verán.
No marco do programa Cóidate Sempre, desenvolveranse sesións semanais de exercicio físico para persoas adultas. As citas terán lugar todos os mércores de xullo e agosto, de 10:00 a 11:00 horas, nos xardíns da Casa Rosada, e os venres, no mesmo horario, na Reiboa (A Seca). Durante aproximadamente unha hora, as persoas asistentes poderán participar en rutinas de exercicio e estiramentos adaptados, sen necesidade de inscrición previa. Só é preciso acudir con roupa cómoda e auga.
Ademais desta actividade, entre xullo e agosto programaranse obradoiros polas parroquias para a rapazada, co obxectivo de que disfruten do ocio e de actividades ao aire libre nos lugares máis concorridos durante as vacacións de verán, como poden ser as praias ou as prazas, ao tempo que se fomentan as actividades e creacións con materiais reciclados. Así, en Lourido serán na última semana de xullo, coincidindo coa celebración dos Xogos de Lourido; en Vilariño será o 6 e 7 de agosto ás 11.30 horas; na Praza da Chousa, o 11 e 12 de agosto, 17.00 horas; na Praia de Cabeceira, o 18 e 19 de agosto ás 17.00 horas; na Praia do Laño, 20 e 21 de agosto, ás 17.00 horas; e na Praia de Raxó, o 26 e 27 de agosto, tamén ás 17.00 horas.
SARDIÑADA NA CASA ROSADA
Por outra banda, este venres, día 3 de xullo, celebrarase a tradicional Sardiñada da Casa Rosada, dirixida ás persoas maiores e ao alumando do centro social.
A entrada será de balde. As sardiñas asadas comezarán a prepararse ás 18.00 horas e, posteriormente, comezará o reparto de racións, que estarán acompañadas de viño e pan de millo. A velada estará amenizada con actuacións musicais en directo.