Aberto o proceso para licitar o parque infantil temático sobre Cristóbal Colón en Ánkar

20/05/2025

As empresas teñen ata o 29 de maio para presentar as súas propostas. Permitirá renovar a área infantil, que contará cunha réplica da embarcación Santa María con elementos de xogo integrados, terá máis capacidade e será inclusivo.

O Concello de Poio xa ten en marcha o proceso de licitación para crear un parque infantil temático sobre Cristóbal Colón en Ánkar. Un proxecto que permitirá renovar por completo esta zona, incluíndo unha réplica da embarcación Santa María, con elementos de xogo integrados e inclusivos e que será unha realidade no último trimestre do ano.

As empresas interesadas teñen ata o 29 de maio para presentar as súas propostas. O orzamento de licitación é de preto 160.000 euros para un contrato mixto con predominio do subministro, que se adxudicará por procedemento aberto. Unha vez formalizada a acta de comprobación do replanteo, a empresa que resulte adxudicada disporá de tres meses para executar os traballos.

O parque infantil temático sobre Cristóbal Colón en Ánkar é a nova área de xogo que vai crear o Concello de Poio, dentro da súa aposta por ofrecer ás familias espazos de esparcemento e ocio de calidade, entre outros servizos municipais que contribúen a mellorar o seu benestar. Ademais, dará resposta así a unha demanda da veciñanza do lugar para dotar a San Salvador e, en especial, á zona de Ánkar, dunha área de xogo máis ampla e de calidade.

O novo parque contará aproximadamente con 300 metros cadrados para acoller, entre outras pezas, dous barcos, unha réplica da embarcación da Santa María na que o navegante descubriu América e unha embarcación pequena, adaptada especificamente para menores de 6 anos. No caso da réplica da Santa María, estará constituída por zonas de diferentes alturas e terá integrados tobogáns, paneis trepadores, escalada, hamaca cama, timón, telescopio, mapa de tesouro ou creba cabezas, entre outros. A maiores, na área de xogo ademais das dúas embarcacións instalaranse tamén columpios, incluídos para bebés e inclusivos, xogo xiratorio de temática náutica…

PARQUE INFANTIL NO COLEXIO DE ESPEDREGADA

Por outra banda, esta semana tamén comezarán os traballos para remodelar o parque infantil do CEIP Espedregada, en Raxó, un proxecto integral de renovación que inclúe o valado, novas pezas de xogo e substitución do solo. Esta actuación inclúese dentro das tarefas de mantemento que se realizan en todos os centros de ensino ao longo de todo o ano, e que xa incluíu tamén as melloras dos parques de xogo de Viñas e O Bao, así como as pistas polideportivas do CEIP Isidora Riestra, entre outras.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio