Aberto o prazo para solicitar as subvencións deportivas do Concello de Poio

08/04/2025

Inclúense tres liñas de subvencións: para clubs e deportistas federados e categorías de veteranos. O obxectivo é apoiar e fomentar as actividades deportivas desenvoltas polos clubs e deportistas individuais beneficiarios, colaborando deste xeito co financiamento dos custos económicos da súa participación en competicións de carácter federado.

Aberto o prazo para solicitar as subvencións que o Concello de Poio outorga para fomentar o deporte local. Están destinadas para clubs e entidades que figuren inscritas no rexistro municipal de asociacións; deportistas federados empadroados en Poio cunha antigüidade mínima de un ano e que compitan en modalidades deportivas de carácter individual; e clubs de fútbol con equipos que disputen competicións nas categorías de veteranos.

A través destas axudas, que se outorgan conforme a principios de obxectividade, igualdade, concorrencia e publicidade, preténdese apoiar e fomentar as actividades deportivas desenvoltas polos clubs e deportistas individuais beneficiarios, colaborando deste xeito co financiamento dos custos económicos da súa participación en competicións de carácter federado.

Os interesados disporán ata o 30 de abril para solicitar estas axudas. Nos casos das liñas 1 e 3, para entidades e clubs deportivos e equipos que compitan nas categorías de veteranos, a solicitude presentarase exclusivamente pola sede electrónica do Concello de Poio. Entre outra documentación, deberán aportar memoria descritiva da actividade para a que solicitan a subvención.

Entre os gastos subvencionables con cargo a estas axudas inclúense, por exemplo, licencias federativas, seguros deportivos de accidentes e responsabilidade civil, cotas de inscrición en competicións federadas, gastos de transporte, manutención e aloxamento para asistir a competicións, salarios de adestradores, e outros gastos propios da participación en competicións federadas que deben asumir os clubs, e todos eles correspondentes á tempada que abranga entre o 1 de agosto de 2024 e o 31 de xullo de 2025.

Para a liña 1, destínanse 28.150 euros, para a liña 2, un total de 4.000 euros e para a 3, 2.000 euros. Estas subvencións son compatibles con outras axudas ou ingresos que reciban os beneficiarios doutras entidades públicas ou privadas.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio