Prográmanse sesións de iniciación á informática e internet, edición de textos niveis iniciación e medio, enderezo electrónico, manexo do móbil intelixente e tableta e follas de cálculo.
A Aula Cemit de Poio organiza para o mes de maio oito cursos novos de habilidades dixitais coas que continuar ampliando a súa oferta formativa, e que van desde edición de textos niveis iniciación e medio, follas de cálculo iniciación e nivel medio, iniciación á informática e a internet, manexo do móbil intelixente e tabletas e enderezo electrónico. Todas as actividades son gratuítas, e as inscricións para participar xa están abertas a través da páxina web https://cemit.xunta.gal, no correo cemit.poio@xunta.gal ou na propia aula situada en Combarro.
Ademais, calquera usuario que o desexe pode facer uso do equipamento e da conexión á Internet da aula a través da Aula Aberta, sempre con cita previa e en horario de luns a venres, entre as 19.30 e as 21.00 horas. As asociacións e colectivos locais teñen tamén a opción de poder reservar a utilización dos ordenadores para a realización de actividades.
A concelleira de Mocidade e Novas Tecnoloxías, Tamara González, apunta que a Aula Cemit de Poio ofrece durante todo o ano horas de formación gratuíta e acceso libre ao equipamento e conexión a internet, “para fomentar a igualdade de oportunidades na sociedade dixital e a conformación dunha cidadanía capacitada para utilizar servizos dixitais cada vez máis avanzados”.
- CURSOS E HORARIOS
“Iniciación a informática” impartirase do luns 5 ao venres 9 de maio, e permitirá ao usuario obter os coñecementos básicos para manexar un ordenador, desde acender e apagar correctamente, ata o manexo do rato, o uso de arquivos e carpetas… Será en horario de 16.30 a 18.00 horas.
Os mesmos días, pero de 18.00 a 19.30 horas, desenvolverase o curso “Iniciación ao procesador de texto libreoffice writer”, unha ferramenta imprescindible para redactar documentos e escribir textos.
Do luns 12 ao venres 16, entre as 16.30 e as 18.00 horas, celebrarase o curso “Iniciación a internet”, no que se incidirá sobre o funcionamento do navegador, como introducir enderezos e facer procuras sinxelas nun buscador ou seguir ligazóns para navegar polas páxinas web.
Esa mesma semana, de 18.00 a 19.30 horas, impártese “Procesador de textos nivel intermedio”, no que o alumnado aprenderá a aplicar formatos avanzados, modificar as propiedades do documento, traballar con táboas e elementos gráficos.
“Iniciación ao correo electrónico web” organizarase do luns 19 ao venres 23 de maio, e explicarase como crear unha conta de correo electrónico, o seu funcionamento, enviar e responder correos electrónicos e xestionar os contactos na axenda. Será entre as 16.30 e as 18.00 horas.
“Follas de cálculo nivel iniciación” impartirase esa mesma semana, de 18.00 a 19.30 horas, mentres que o nivel medio desenvolverase do luns 26 ao xoves 29, entre as 18.00 e as 19.30 horas. AS follas de cáculo son, xunto co procesador de textos, unha das aplicacións máis empregadas, xa que se poden crear documentos que realizan cálculos de xeito automático e permiten a súa impresión, polo que son moi utilizadas na contabilidade, facturación e almacén, sendo unha ferramenta indispensable no traballo de oficina.
Por último, “Manexo do móbil intelixente e tableta”, impartirase na última semana de maio, do luns 26 ao xoves 29, entre as 16.30 e as 18.00 horas.
A maiores destes cursos, tamén se reserva unha sesión para realizar a proba de aproveitamento dos cursos online EMA, que será o venres 30 de maio, de 18.00 a 20.00 horas e que permitirá obter o diploma dos cursos realizados na plataforma de teleformación da Aula Cemit.