Organízanse adestramentos de fútbol e fútbol sala, balonmán, baloncesto, triatlón-duatlón, ximnasia rítmica, tenis, ciclismo, taekwondo, piragüismo, caiac polo, atletismo, kick-boxing e rugby.
Xa está aberto o prazo para anotarse nas escolas deportivas do Concello de Poio, que darán comezo a partir do mes de outubro. O concelleiro, Cándido Muíños, explica que hai catorce disciplinas diferentes, desde fútbol e fútbol sala, ata balonmán, baloncesto, triatlón-duatlón, ximnasia rítmica, tenis, ciclismo, taekwondo, piragüismo, caiac polo, atletismo, kick-boxing e rugby.
Muíños convida á rapazada a participar nalgunha destas escolas deportivas, “hai unha oferta ampla pensada para que gocen do seu tempo de lecer de xeito saudable e educativo”. Ademais, recorda que o Concello de Poio outorga aos clubs unha axuda de 100 euros por neno e curso para sufragar os gastos de funcionamento e reducir a cota que abonan as familias. Unha axuda que se incrementa no caso de nenas e nenos das familias de Poio con menos recursos e cuxa situación estea acreditada polo departamento de Servizos Sociais. Neses casos están eximidos de pagar as cotas de inscrición ao darse de alta nalgunha destas modalidades, cotas que asume a maiores o Concello de Poio.
As escolas deportivas comezarán a funcionar a partir de outubro, nos días e horas de adestramento de cada disciplina deportiva. Os grupos organizaranse en función das idades e do número de participantes. Toda a información está dispoñible na web municipal, onde se inclúen horarios e procedemento de inscrición para cada unha das opcións dispoñibles, incluídos os formularios necesarios, a documentación requirida ou mesmo os correos de contacto dos clubs que asumen directamente a xestión das anotacións. As prazas son limitadas, que se adxudicarán por rigoroso orde de inscrición.
Os participantes da escola de Rugby adestrarán no campo da Reiboa, igual que o club de atletismo, que combinará A Seca co CEIP Isidora Riestra. Con respecto a caiac-polo e piragüismo, desenvolveranse na nave de deportes náuticos de Combarro. Taekwondo, no ximnasio municipal da Seca, mentres que ciclismo será no campo da Reiboa. As escolas de Tenis desenvolveranse no pavillón de Lourido e Baloncesto impartiranse no colexio Los Sauces, o triatlón-duatlón nas pistas de atletismo da Reiboa, e a de ximnasia rítmica, no CEIP Isidora Riestra, no pavillón do IES de Poio, no CC Xaime Illa de Raxó ou no pavillón da Seca. Pola súa banda, o alumnado de balonmán adestrará entre os pavillóns da Seca e de Lourido e o CEIP Isidora Riestra, de fútbol sala no IES de Poio e nos pavillóns de Lourido e da Seca, e de fútbol, no campo de fútbol da Reiboa.