Natalia Sabarís: “contar cuns servizos de calidade que faciliten a compatibilidade de horarios é unha prioridade para este Goberno”.
O Concello de Poio asinará un convenio coas Anpas para reducir o custe que as familias pagan polos comedores escolares. Deste xeito, segundo explica a concelleira Natalia Sabarís, desde a administración local outórgase unha axuda de 1,5 euros por cada neno e día de asistencia a este servizo de conciliación, que funciona nos colexios de Lourido, Chancelas e, desde o curso pasado, tamén no Isidora Riestra.
O pago desta axuda faise directamente ás Anpas, que a repercuten no prezo que cobran a cada familia polo uso deste servizo, ben sexa a través de días soltos ou de xeito continuado. Aínda que o convenio é anual, o pago a cada asociación realízase segundo vaian presentando a súa xustificación, de forma que pode ser trimestral, semestral ou ao final do curso, segundo sexa vontade de cada unha delas.
Neste momento os tres comedores escolares contan con máis de 150 nenos anotados, aínda que esta cifra é variable ao longo do curso dependendo da situación e das necesidades de cada fogar. Para Sabarís, “contar cuns servizos de calidade que faciliten a compatibilidade de horarios das familias de Poio é unha prioridade para este Goberno, e por iso para nós é fundamental asinar este convenio coas asociacións de nais e pais que veñen a complementar outras iniciativas que desenvolvemos ao longo do ano”.