A Xunta remite para tramitación ambiental o Plan de ordenamento do parque empresarial de Fragamoreira, que terá unha superficie de 374.229 m²

27/05/2025

Ángel Moldes subliña que «este polígono vai supoñer un desenvolvemento e crecemento social e económico moi importante para Poio»

A Consellería de Economía e Industria, vén de enviar para tramitación ambiental o borrador do instrumento de ordenación do parque empresarial de Fragamoreira que a Xunta está a promover en Poio e que contará cunha superficie de 374.229 m².

Este polígono industrial está localizado nun lugar idóneo e estratéxico ao carón da cidade de Pontevedra e con comunicacións ao porto de Marín, á autoestrada AP-9, Vilagarcía e á comarca do Salnés.

En canto ao borrador do Plan Estruturante de Ordenación de Solo Empresarial (Peose) que agora se remite á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para aprobación ambiental, permite planificar e ordenar as actuacións urbanísticas necesarias para a creación do parque empresarial, un desenvolvemento que está recollido no Plan Sectorial de Áreas Empresariais de Galicia.

O obxectivo do Goberno galego é tratar de axilizar o máximo posible o desenvolvemento de solo naqueles concellos e comarcas, neste caso en Pontevedra, onde se pode continuar desenvolvendo economicamente a zona pero sempre con respecto aos trámites administrativos e medioambientais e intentando acompañar ao tecido produtivo.

O alcalde, Ángel Moldes, salienta que «para Poio e para toda a comarca é unha noticia moi positiva, porque seguimos dando pasos cara adiante para facer que o Polígono de Fragamoreira sexa unha realidade. Desde o primeiro momento estamos traballando coa Xunta para avanzar no polígono e dar resposta ás necesidades reais, porque dotar de solo industrial ao noso municipio era unha prioridade. Este polígono vai supoñer un desenvolvemento e crecemento social e económico moi importante para Poio».

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio