Augas de Galicia destinará 3,6 M€, o 90% do investimento total previsto, mentres que o Goberno municipal asumirá con fondos propios os 0,4 M€ restantes.
A Xunta e o Concello de Poio investirán 4,03 millóns de euros nos vindeiros anos para optimizar a rede de saneamento municipal e contribuír, deste xeito, a incrementar a calidade das augas da ría de Pontevedra, reducindo os alivios procedentes deste municipio.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o rexedor municipal, Ángel Moldes, asinaron esta mañá o convenio de cooperación que permitirá materializar esta actuación e no que se plasman os compromisos de ambas partes de aquí ao ano 2027.
En concreto, tal e como explicou a responsable autonómica, Augas de Galicia destinará á execución do proxecto máis de 3,6 millóns de euros—fondos cofinanciados pola UE a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder 2021-2027)— e o 10% restante —arredor de 402.000 euros— corresponderán ao Concello de Poio.
De todos os traballos previstos, a obra central consistirá na execución dun depósito de retención de auga (tanque de tormentas) previo ao bombeo da Seca, unha infraestrutura clave para optimizar todo o sistema xa que a súa función é almacenar as primeiras augas de chuvia, que son as que arrastran toda a sucidade acumulada nas rúas e no asfalto, e evitar así que se alivien directamente.
A maiores, no marco do mesmo convenio, tamén se renovarán os bombeos de Porto Campelo e Mirador e completarase a adecuación do bombeo de Froiz para mellorar o seu funcionamento.
Tras a sinatura e tendo en conta que o proxecto xa está redactado, a conselleira explicou que o obxectivo do Goberno galego é traballar para poder licitar as obras “antes de que remate o ano”.
Coa execución destas melloras na rede de saneamento de Poio, subliñou, avanzarase no tratamento adecuado das augas residuais da zona e contribuirase á protección do medio ambiente e ao desenvolvemento sostible da contorna.
Así mesmo, Ángeles Vázquez indicou que á marxe do convenio asinado esta mañá, Augas de Galicia xa ten redactado o proxecto para a construción dun novo bombeo e depósito de retención de recheo no municipio pontevedrés. O importe destas actuacións supera os 3,5 millóns de euros.