A Xunta colaborará co Concello na redacción do proxecto para a construción dun centro de día municipal

02/03/2025

Fabiola García confirmou a Ángel Moldes que o executivo galego destinará 18.000 euros a este primeiro paso que supón a creación dun recurso moi demandado neste municipio.

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, avanzou esta mañá que a Xunta de Galicia colaborará co concello na redacción do proxecto para a construción do futuro centro de día municipal. Así o trasladou durante a visita que realizou esta mañá ás instalacións e na que estivo acompañada do alcalde, Ángel Moldes.

Fabiola García sinalou que o Executivo galego destinará 18.000 euros a través dun convenio de colaboración co concello para contribuír ao financiamento da redacción do proxecto e que supón, segundo destacou a conselleira, o primeiro paso para a creación dun recurso moi demandado pola veciñanza deste municipio.

Neste sentido, a conselleira explicou que para a creación do centro de día rehabilitaranse as instalacións dunha antiga escola municipal que se atopa sen uso desde hai anos. Con respecto a isto, desde o concello sinalan que a localización deste novo recurso está moi cerca do centro de saúde, facilitando a mobilidade dos veciños e concentrando os servizos en zonas próximas.

Fabiola García agradeceu ao alcalde a súa aposta polas políticas sociais para mellorar a calidade de vida dos veciños. Ademais, trasladoulle o compromiso da Xunta para seguir contribuíndo na creación de novos recursos que supoñan un avance na atención e coidado das persoas maiores.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio