A Xunta aproba o cambio de titularidade do vial do cemiterio a favor do Concello de Poio

25/03/2025

Este era un dos requisitos necesarios para aprobar o Plan especial de infraestruturas e dotacións e continuar coa ampliación do cemiterio.

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas aproba o cambio de titularidade, a prol do Concello de Poio, da vía doe servizo da PO-535, en fronte do cemiterio municipal de San Xoán de Poio.

Así se recolle no Diario Oficial de Galicia publicado hoxe, no que indica que a Axencia Galega de Infraestruturas atende a solicitude tramitada polo Concello. Segundo explica o alcalde, Ángel Moldes, este era un trámite necesario e imprescindible para avanzar no Plan especial de infraestruturas e dotacións e, deste xeito, continuar coa ampliación do cemiterio municipal.

“Este trámite xa o tiña que ter feito o Tripartito, pero esta é unha desas tantas cousas que deixaron sen facer e que provocou que se paralizase a ampliación do cemiterio”, recorda Moldes.

Con esta autorización no cambio de titularidade, o Concello de Poio xa pode aprobar ese plan especial que lle permita seguir avanzando na ampliación do cemiterio municipal.

Con respecto ao cambio de titularidade, correspóndelle a partir de agora ao Concello de Poio todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía de servizo, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle poida corresponder como nova administración titular.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio