A xornada de convivencia organizada polo Concello de Poio para o alumnado de 6º de primaria será na Illa de Tambo

23/04/2025

O obxectivo é que compartan tempo de lecer para coñecerse antes de coincidir no instituto o próximo curso. A actividade, gratuíta para a rapazada, desenvolverase o mércores 30 de abril.

O Concello de Poio repite a experiencia iniciada o ano pasado e volve organizar unha xornada de convivencia para o alumnado de 6º de primaria dos colexios do municipio, co obxectivo de que compartan tempo de lecer para coñecerse antes de coincidir no IES de Poio o próximo curso. Nesta ocasión a proposta é desenvolvela na Illa de Tambo, onde participarán en actividades, bailes e xogos dinámicos.

Segundo explica a concelleira de Mocidade, Tamara González, “é unha oportunidade para coñecerse, para poñerse cara, para gozar todos xuntos antes de coincidir no instituto o próximo curso”. Así, recorda que o ano pasado esta iniciativa espertou moito interese entre os centros educativos e entre a rapazada. “É unha actividade lúdica totalmente diferente, que permite fomentar a participación, a integración, o desenvolvemento de habilidades sociais e o establecemento de novas amizades entre o alumnado.

Esta segunda xornada de convivencia organizada polo Concello de Poio desenvolverase o próximo mércores, 30 de abril, e espérase que participen nela preto de cen escolares. Un autobús recollerá á rapazada en cada un dos centros educativos -Isidora Riestra, Chancelas, Lourido, Viñas e Espedregada- para trasladalos ao Porto de Combarro, onde subirán ao barco que os trasladará ata a Illa de Tambo. Alí estarán entre as 10 e as 13 horas para gozar de todas as actividades programadas.

Esta actividade é gratuíta tanto para os colexios como para a rapazada, xa que está financiada na súa totalidade polo Concello de Poio, que se fai cargo dos custe de todas as actividades e do transporte desde cada centro escolar.

Por último, Tamara González agradece a colaboración de todos os colexios de Poio: “Este tipo de actividades fortalece o vínculo entre os diferentes centros escolares, sentando as bases para futuras colaboracións e actividades conxuntas”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio