A veciñanza de Poio volve demostrar a súa solidariedade e implicación na campaña “Ningunha crianza sen xoguete”

10/12/2025

Recolléronse xoguetes de todo tipo e para todas as idades, desde xogos de mesa, ata bonecas, puzzles, vehículos, construcións, peluches… Un xesto que permitirá que todas as crianzas por igual poidan pasar o Nadal cun sorriso.

A concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, fai unha valoración “moi positiva” da campaña solidaria “Ningunha crianza sen xoguete”, que grazas á colaboración cidadá vai permitir repartir este Nadal agasallos a familias en situación de especial vulnerabilidade que reside no municipio.

“A veciñanza de Poio volveu demostrar a súa empatía e axuda para que nestas datas tan especiais a maxia chegue a todas as crianzas do noso concello”, subliña. Así, durante o tempo que durou a campaña recolléronse entre o Pazo Besada e a Casa Rosada xoguetes de todo tipo e para todas as idades, desde xogos de mesa, ata bonecas, puzzles, vehículos, construcións, peluches… Un xesto que permitirá que todas as crianzas por igual poidan pasar o Nadal cun sorriso.

Unha vez recollidas todas as doazóns, persoal municipal, coa colaboración da veciña Silvia Ramírez, xa están preparando estes días os agasallos para ser entregados ás familias nos días previos ás festas. A concelleira destaca a xenerosidade de tantas persoas, que doaron xoguetes en moi bo estado ou practicamente novos e limpos para dárlles unha segunda vida e facer felices a moitos nenos e nenas, pero tamén a implicación e a disposición “comprometida e desinteresada” de Ramírez que cada Nadal emprega o seu tempo para apoiar esta iniciativa tan especial.

A campaña solidaria “Ningunha crianza sen xoguete” impulsada polo Concello de Poio quere garantir que ningún neno ou nena perda a ilusión polas festas de Nadal, sexa cal sexa a situación ou as dificultades que haxa nos seus fogares.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio