A veciñanza coñecerá o xoves o proxecto para a EP-0601 Portosanto-Campelo-Seara modificado coas súas demandas

07/04/2025

Ángel Moldes sinala que o convenio coa Deputación de Pontevedra asinarase proximamente, conleva un investimento de máis de 1,8M€ para a mellora da mobilidade peonil e divide a execución do proxecto en dúas fases.

O Concello de Poio convoca á veciñanza de Campelo a unha reunión informativa o xoves, 10 de abril, na que os técnicos explicarán aos asistentes as modificacións, demandas e propostas incorporadas ao novo proxecto para mellorar a mobilidade peonil na EP-0601 entre Portosanto, Campelo e a PO-308.

A reunión celebrarase no Espazo Municipal de Campelo, ás 19.30 horas, e contará coa asistencia de técnicos redactores do proxecto para explicar polo miúdo á veciñanza o proxecto modificado e responder as dúbidas dos existentes.

O alcalde, Ángel Moldes, adianta que nas próximas semanas Concello de Poio e Deputación de Pontevedra asinarán o convenio para que este proxecto, entre A Seara e Campelo, sexa unha realidade e, ademais, subliña que vai selo tendo en conta as demandas reais da veciñanza. O proxecto vaise acometer en dúas fases e conta cun investimento de máis de 1,8M€.

Na primeira, actuarase entre a conexión da vía provincial coa PO-308 e a Biblioteca Municipal. Nesta primeira actuación vaise executar un itinerario peonil de 2,5 metros de ancho, para potenciar, humanizar e dinamizar toda a contorna en beneficio dos usuarios. Ademais, tamén está previsto levar a cabo obras de pavimentación, así como mellora dos sistemas de drenaxe de augas pluviais e abastecemento, o soterramento dos servizos de telecomunicacións e electricidade e a renovación da instalación do alumeado público.

“Este proxecto vai supoñer unha transformación para Campelo, permite comunicar e vertebrar toda a parroquia de San Xoan e, sobre todo, vai mellorar de xeito importante a seguridade e calidade de vida da veciñanza”, sinala,

Ademais, recorda que para redactar este proxecto modificado os técnicos tiveron en conta todas as aportacións que fixeron os veciños do lugar nas reunións que se organizaron con eles. “Un proceso de escoita feito desde a Deputación de Pontevedra e o Concello de Poio en varias reunións coa veciñanza, tanto en conxunto como de xeito individualizado, tras detectar que o proxecto que había do anterior goberno na institución provincial xeraba máis problemas que solucións e non convencía a practicamente ningún veciño”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio