A substitución do chan no Espazo Municipal do Sartal mellora a calidade e benestar no desenvolvemento das actividades

17/09/2024

Ángel Moldes recorda que o obxectivo do Goberno é ir mellorando pouco a pouco estes locais nos que se desenvolven multitude de actividades para ofrecer espazos máis cómodos e cálidos.

O Concello de Poio substituíu o solo do Espazo Municipal do Sartal por tarima flotante, unha actuación que permite mellorar de xeito notable as condicións nas que se desenvolven as actividades, ofrecendo un espazo máis cómodo e cálido co que mellorar a calidade e o benestar das participantes.

O alcalde Ángel Moldes e a concelleira de Espazos Municipais e Xuventude, Tamara González, achegáronse ao local para comprobar os traballos realizados, que consistiron en substituír a baldosa por tarima flotante nas dúas aulas e colocar rodapé de madeira. Un cambio fundamental que, segundo indicaron, xa percibía o alumnado que asistía esta mañá ás clases de pilates en solo. Ademais desta actividade, neste local tamén se desenvolven clases de ioga, memoria, pintura, entre outras, organizadas por colectivos locais.

“É unha actuación que permitirá mellorar de xeito notable o ambiente e a calidade do espazo, ofrecendo unha sensación moito máis agradable. Non é o mesmo facer exercicio na frialdade da baldosa, que nunha superficie que aporta calidez é máis confortable e, ademais, evita a condensación e as humidades no inverno”, comenta Moldes. Así, sinala que o obxectivo do Goberno é ir mellorando “pouco a pouco” as condicións destes locais para dar resposta e solución ás necesidades que van xurdindo, froito dunha colaboración e diálogo constante coas asociacións e entidades locais.

Neste senso, recordan que hai uns meses xa se mudou o chan no Espazo Municipal do Bao e, neste tempo, a experiencia e opinión das usuarias é unánime respecto dos beneficios importantes que se conseguiron.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio