Logo das dúas cidades, é o municipio da provincia con maior puntuación situándose en Galicia por riba da Coruña, Lugo e Ourense. O Concello continúa traballando para mellorar estes resultados e facilitar á veciñanza o acceso e a consulta a información pública.
O Concello de Poio é o quinto municipio máis transparente de Galicia e terceiro da provincia, segundo o informe elaborado pola Dynamic Transparency Index, Dyntra, unha plataforma que traballa na medición e xestión da información pública de diferentes institucións e organismos a diferentes. Para determinar estes niveis, baséase nunha serie de indicadores que analiza nos espazos de información que ofrecen estas entidades, a través dos seus espazos virtuais.
Así, logo das dúas cidades -Pontevedra e Vigo-, Poio é o municipio da provincia con maior índice de transparencia, situándose en Galicia incluso por riba das cidades da Coruña, Lugo e Ourense. “É un nivel de transparencia do que estamos moi satisfeitos, pero desde o Concello continuamos traballando para mellorar aínda máis estes resultados e facilitar á nosa veciñanza o acceso e a consulta a información pública”, destaca a concelleira de Novas Tecnoloxías, Tamara González. Nesta liña, indica que “o Concello de Poio é na actualidade un referente en transparencia informativa”.
A Administración municipal sitúase nun 44,44% segundo os parámetros aplicados por Dyntra. En concreto, Poio cumpre con 72 dos 162 indicadores que analizan os responsables desta plataforma á hora de efectuar a súa avaliación. Recordan que esta plataforma é unha das entidades máis fiables que existen á hora de analizar e medir a información pública que achegan as administracións, institucións ou partidos políticos en España.
González recorda que hai aproximadamente un ano o Concello de Poio cambiou a súa páxina web, facéndoa máis funcional, intuitiva e dinámica de xeito que o portal mellorase a súa estrutura e recollese todos os servizos e información municipais para prestar unha mellor atención á cidadanía e, ademais, potenciar a súa participación.