A Oficina de Turismo de Combarro, a pleno rendemento para recibir “cos brazos abertos” a visitantes de todo o mundo

10/04/2025

Permanecerá aberta de martes a sábado, de 9:30 a 21:00 h, e os domingos pola mañá, os festivos haberá atención ao público todo o día, con dous novos informadores contratados ao abeiro dunha subvención da Deputación de Pontevedra

A Oficina de Turismo de Combarro atópase xa funcionando a pleno rendemento e disposta a recibir “cos brazos abertos aos visitantes de todo o mundo” que se acheguen a Poio e, en particular, á vila combarresa. A oficina permanecerá aberta de martes a sábado todo o día, de 9:30 h a 21:00 horas, e os domingos pola mañá, de 11:00 a 13:30 h. Os festivos haberá atención ao público tamén todo o día, mentres que os domingos pola tarde e os luns permanecerá pechada.

Esta atención é posible grazas á incorporación de dous informadores turísticos ao abeiro dunha subvención de máis de 22.000 euros do Plan + Provincia da Deputación de Pontevedra.

A concelleira de Turismo, Rocío Cochón, visitou este xoves as instalacións situadas no Espazo Municipal do Carreiro do Campo para dar a benvida aos dous profesionais, Marie e Alexandre, á que lles agradeceu por adiantado “a extraordinaria acollida e atención que van ofrecer a todo o que visite un dos principais puntos turísticos do Norte de España”.

Nese sentido, a edil recordou que o ano pasado, os informadores turísticos en todo o Concello atenderon a preto de 12.000 usuarios. A maiores de Combarro, a atención compleméntase coa da Oficina Turística do Casal de Ferreirós, en Andurique, que mantén o seu horario habitual de luns a venres, de 8:30 h a 14:30 h.

Lembrou tamén que toda a información está á disposición dos visitantes as 24 h en turismopoio.com e na web municipal, pero, con todo, destacou “fronte á atención humana e especializada de profesionais como Alexandre, Marie e todos os nosos informadores, que se quiten ChatGPT, Google e calquera asistente virtual”.

O SECTOR TRASLADA “OPTIMISMO PRUDENTE” E RESALTA “A AMPLA OFERTA TURISTICA” EN SEMANA SANTA

Cochón trasladou ademais o optimismo prudente do sector de cara á Semana Santa, á espera de que as condicións climatolóxicas non sexan un condicionante como en 2024. Destacou que Poio encara este período vacacional con preto de 4.000 prazas de aloxamento dispoñibles, resaltando que “hoxe por hoxe xa superamos o 50% de reservas previstas para esas datas”.

“Non é para menos, xa que temos moito que ofrecer, nas 52 semanas do ano, e naturalmente tamén nesta Semana Santa, para a que non podo deixar de resaltar as dúas variantes do Camiño de Santiago, que cruzan miles de peregrinos, ou a espiritualidade e a beleza do Mosteiro de Poio, especialmente nestas datas”, indicou.

“Somos un destino de calidade, inmellorable para desfrutar persoalmente, en parella ou en familia, con lugares perfectos para percorrer estas datas catro Sendeiros Azuis, a Illa de Tambo, o Bosque de Colón ou moitísimos lugares nas cinco parroquias, de San Salvador a Raxó, e unha gastronomía líder”

“Un destino único, referente en turismo natural, deportivo cultural e gastronómico que recibirá a todos cos brazos abertos grazas aos excelentes profesionais das Oficinas de Turismo e de todo o sector”

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio