Ángel Moldes pide seguir traballando nun turismo de calidade, sostible e responsable, tendo claro que todos cabemos e todos temos algo que aportar e que “o turista nunca é o inimigo”.
A Mesa de Turismo de Poio celebrou este mércores no Casal de Ferreirós a segunda reunión despois da súa constitución en marzo de 2024, cando foi creada por acordo unánime da corporación como un espazo de encontro entre administracións, as empresas e profesionais turísticos e o tecido social e económico do concello para, entre todos, “construír o mellor futuro para o sector”.
Esta segunda reunión estivo presidida polo alcalde, Ángel Moldes, e contou coa presenza de 20 representantes de empresas de aloxamento, vivendas de uso turístico, servizos turísticos, hostalería, así como unha representación do tecido asociativo e veciñal, dos grupos políticos presentes na Corporación e de administracións como Turismo de Galicia, Turismo Rías Baixas ou os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP). Como novidade, incorporouse unha representante das asociacións relacionadas coa defensa da igualdade, representación que recaeu en Mulleres en Igualdade de Poio por decisión do Consello Municipal da Muller.
A reunión comezou cun informe detallado a cargo da concelleira de Turismo, Rocío Cochón, nos que fixo un balance da presenza de Poio en FITUR 2025; trasladou os principais datos do sector en Poio; efectuou un repaso das actuacións en materia turística durante o pasado ano e trazou as principais liñas de acción, os proxectos e retos do Goberno local en materia turística para 2025.
BALANCE MOI POSITIVO DE FITUR 2025 E DOS DATOS DE ALOXAMENTO, TURISMO NÁUTICO, XACOBEO E VIAXES A TAMBO
Seguindo a orde do día, Cochón fixo un balance “moi positivo” da presenza de Poio en Fitur 2025, onde o concello contou cun espazo promocional propio, e garantiu a continuidade para Fitur 2026, porque “onde está o mellor do turismo tén que estar Poio”.
En relación aos datos turísticos, Cochón explicou que, con datos de xaneiro de 2025, Poio conta actualmente con algo máis de 4.600 prazas de aloxamento repartidas nun total de 549 establecementos, un crecemento interanual do 10%.
No que se refire á ocupación desas prazas, Poio ofreceu durante 2024 datos positivos, cun 76% de ocupación promedio durante a tempada alta, pese a unha mala climatoloxía en distintos momentos do ano. Cochón destacou tamén o 93% de media de agosto, 2 puntos máis que en 2023, e subliñou o 80% de ocupación na ponte de decembro e o atractivo do Nadal en Poio, que se está demostrando como un potente factor de desestacionalización. As oficinas de turismo de Combarro e Ferreirós rexistraron case 12.000 usuarios, predominantemente de orixe nacional.
Cochón quixo facer énfase nos excelentes datos de turismo náutico do Porto de Combarro, que é líder da provincia en tránsitos, con 604 embarcacións de 14 países e un crecemento anual do 6%, uns datos polos que felicitou ao capitan do Porto deportivo, Manuel Martínez, presente na reunión. Martínez recalcou o perfil destes visitantes, “que teñen capacidade de gasto, queren coñecer e desfrutar a nosa cultura e buscan turismo de calidade”, e anunciou que este verán o centenario club de navegación irlandés Irish Cruising Club fará a súa reunión anual en Combarro, atraendo un gran número de veleiros durante varios días á vila combarresa, para o que pediu, e obtivo, a colaboración do Concello e do resto do sector.
A edil de turismo tamén trasladou datos sobre a Illa de Tambo, con algo máis de 5.000 visitantes ao longo de 2024, uns números moi semellantes ao ano anterior, e nas que, recordou “aplícanse as mesmas condicións e limitacións que sempre” para conxugar visitas reducidas coa prioridade, que é a conservación e protección da Illa. Nese sentido, recalcou a formación de 45 persoas durante 30 horas sobre Turismo Patrimonial na Illa, un avance histórico na difusión dos valores da Illa, as Xornadas do Padre Sarmiento e a aprobación inicial do Plan de Emerxencias da Illa, “un documento fundamental para dar seguridade a visitantes, investigadores, profesionais… e permitir seguir avanzando”
Tamén resaltou a crecente relevancia do Turismo Xacobeo, e a campaña “no Bo Camiño” que durante 2024 permitiu recoller os datos de 8.000 peregrinos das variantes que percorren Poio.
O TRABALLO REALIZADO EN 2024 “PERMITE TER CADA VEZ MELLORES EXPECTATIVAS DE FUTURO”
A continuación, Cochón debullou as principais actuacións en distintos eidos, destacando o traballo para implementar o “Punto de Atención ao Peregrino” e a preparación da II Xornada de Emprendemento no Camiño, que terá lugar no Mosteiro de San Xoán a finais da primavera.
Tamén resaltou o éxito de iniciativas como as Xornadas Gastronómicas da Ameixa e o I Certame TapeaPoio, cuxa segunda edición en 2025 será unha nova oportunidade para “incentivar a actividade fóra de tempada e poñer en valor a calidade de diversidade da gastronomía de Poio, referente en Galicia”, con máis participantes que en 2024. Ademais, dixo confiar en que novamente a Gala de Premios do TapeaPoio sexa unha oportunidade para enxalzar a hostalería e a restauración do municipio e se consolide como cita obrigada para o sector.
En Turismo Sostible, Cochón destacou a recuperación da bandeira azul en Xiorto, que se volveu izar desde 2017, e que se une á bandeira Azul de Cabeceira e aos 4 distintivos de Sendeiro Azul que ondean no Concello e que foron “izados da man da veciñanza”. Ademais, recordou a boa acollida da a campaña “Un Verán Único” que durante a época estival promocionou lugares menos concurridos, como a Área Arqueolóxica da Caeira, as Fervenzas do Pereiro, o Paseo do Laño ou o Castrove.
No que se refire a Turismo Deportivo, Cochón agradeceu o traballo do alcalde e todo o Goberno local para acadar o gran evento de 2025: a saída de Combarro da etapa 16 de La Vuelta, ademais de outros eventos deportivos como a Gala do Automobilismo 2024, e competicións como A Triple Coroa ou a Volta a nado Illas Atlánticas.
Finalmente, non quixo deixar de insistir no éxito do “Nadal en Poio” como motor de atracción turística, e as sinerxias con outros destinos, e un apartado especial sobre Poio como escenario audiovisual único, indicando que cada vez máis empresas, medios… están a usar Poio como plató ou imaxe de marca, con coleccións de Moda, gravación de series e documentais para as principais plataformas, como Discovery Max, Apple TV, Movistar + e outras, explicando que desde o Goberno estase a traballar con medios e produtoras para ampliar esa exposición.
OPORTUNIDADES, RETOS E PROXECTOS
Cochón finalizou facendo unha explicación de proxectos e oportunidades que se presentarán en 2025, para o que contou coa colaboración de varios membros da mesa. Así, Felipe Ferrero, xefe provincial de Turismo de Galicia, expuxo as axudas da Xunta para a mellora de establecementos de aloxamento e restauración, por máis de 47 millóns de euros. Tamén Laura Nieto, xerente do GALP Ría de Pontevedra, ofreceu a colaboración desta entidade para facer realidade proxectos vencellados ao mar, con preto de 1 millón de euros anuais.
Cochón avanzou outros proxectos para 2025, como un Plan para reforzar o Bosque de Colón e o Monte Castrove involucrando a distintas administracións; a revitalización da Casa-Museo Colón e do Turismo Coloniano, que “este ano puidemos comprobar que a súa figura segue tendo moito atractivo”; e un proxecto innovador: “un estudo sobre os novos ‘prescriptores de bolsillo’, desde as rrss aos asistentes virtuais, para axudar ao sector a estar mellor posicionados”.
MOLDES: “SEGUIMOS TRABALLANDO NUN TURISMO DE CALIDADE, SOSTIBLE E RESPONSABLE, TENDO CLARO QUE TODOS CABEMOS E TODOS TEMOS ALGO QUE APORTAR E QUE O TURISTA NUNCA É O INIMIGO”
Despois dunha pequena quenda de rogos e preguntas onde se abordou a necesidade de fomentar a desestacionalización real, a renovación de sinalética en distintos lugares, a posta en valor de recunchos e sendeiros menos coñecidos, e a importancia de avanzar na proteción do patrimonio, o alcalde Ángel Moldes clausurou a mesa agradecendo a asistencia de tantos representantes do sector, e a colaboración que prestan ao longo do ano en todo o que se fai. “Cando se creou a Mesa de Turismo queriamos que se centrase na participación e en xerar sinerxias, e está claro que o estamos conseguindo”, polo que convidou a desenvolver proxectos e solicitar axuda das administracións, pero sen esquecer a iniciativa privada: “Temos todos que ir da man”.
Resaltou a importancia da Vuelta a España, que será “o gran evento de 2025 en Poio”, con máis de 4.000 persoas só na caravana, millóns de espectadores, 200 canais en todo o mundo… “se tiveramos que investir nós nesa publicidade sería impagable”. Ademais, subliñou a necesidade de actuar en Tambo garantindo “a protección e a legalidade”, e ao mesmo tempo “tomando decisións para ir avanzando. É fundamental aprobar documentos e gañar seguridade xurídica para pedir e facer investimentos, como no peirao ou na investigación do enorme patrimonio”.
O alcalde pediu centrarse no “turismo de calidade, sostible e responsable, evitando as mensaxes de turismofobia ou exclusión. Aquí todos cabemos, todos temos algo que aportar e o turista nunca é o inimigo”.
Por último, recordou que “todos somos aliados para ir facendo cousas pequenas para pouco a pouco conseguir cousas moi grandes para o Turismo de Poio”.