A II Xuntanza de Maiores de Poio celebrarase o 30 de marzo

28/02/2025

Ángel Moldes recorda que o éxito absoluto da primeira edición demostra que “os nosos maiores necesitaban poder gozar no seu concello da súa propia xuntanza”.

A segunda Xuntanza de Maiores do Concello de Poio celebrarase o domingo 30 de marzo. Como o ano pasado, será nunha carpa instalada na Reiboa, na Seca, na que os asistentes gozarán dunha xornada lúdica, de festa e de convivencia.

O alcalde, Ángel Moldes, acompañado polos concelleiros de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, e de Festexos, Fran Dasilva, presentaron esta semana unha cita que vai converter a Seca nun punto de encontro para os maiores. O ano pasado xuntáronse preto de 400 asistentes, a maior parte deles procedentes do municipio, aínda que tamén había persoas que se achegaban desde outros concellos. “Ata hai un ano, os nosos maiores tiñan que saír de Poio para gozar destas encontros. Hoxe poden facelo no seu municipio, rodeándose dos seus amigos e veciños, e incluso converténdose en anfitrións de quen ven doutros concellos da comarca”, sinala Moldes. Nesta liña, sinala que “para este goberno os maiores son unha prioridade, e por iso apostamos por reforzar as actividades e propostas que promovan un envellecemento activo e aumentan a oferta de ocio e de lecer das persoas de máis idade”.

A xornada, que comezará ás 13.00 horas, inclúe xantar (callos, carne ao caldeiro, bebidas e postre), baile coa música en directo do Dúo Prisma e sorteo de agasallos entre os participantes. “Queremos que esta xuntanza sirva como punto de encontro para os maiores de todo o municipio, unha escusa para pasar unha xornada de lecer e de convivencia todos xuntos”, engade.

As persoas interesadas en asistir poden retirar os seus convites desde este luns no Palacete de Besada, en horario de 9.00 a 14.00 horas. Esta actividade ten un custe de 25 euros. O primeiro prazo de inscrición é exclusivamente para a veciñanza empadroada en Poio, persoas xubiladas ou pensionistas maiores de 60 anos, que poderán comprar as súas entradas ata o venres 14 de marzo. E entre os días 17 e 21 amplíase a inscrición para aquelas persoas doutros concellos que queiran asistir e participar na II Xuntanza de Maiores de Poio.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio