A I Xuntanza de Maiores de Poio reúne este domingo a 400 persoas na Seca

25/04/2024

Natividad Torres sinala que supón un éxito, superou todas as expectativas e demostra que había gañas entre os maiores para gozar no seu propio concello dunha xuntanza destas características.

A I Xuntanza de Maiores de Poio reunirá este domingo a 400 persoas na Seca, unha cifra que segundo indica a concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, “supón un éxito rotundo, ao superar todas as expectativas e demostra que había moitas gañas entre os maiores para gozar no seu propio concello dunha xuntanza destas características”.

Nesta liña, recorda que o Goberno está dando resposta a unha petición feita polos propios maiores do noso concello. Moitos deles asistían ás festas que se organizan noutros municipio, pero sempre coa ilusión de celebrar a súa propia en Poio.

A carpa instalada na Reiboa, A Seca, recibirá a partir das 13.00 horas aos asistentes, na súa maioría de Poio aínda que tamén participarán persoas achegadas de concellos limítrofes. O xantar, que tiña un prezo de 20 euros, inclúe callos, carne ao caldeiro, bebidas e postre. Ao final, gozarán dun baile coa música en directo do Dúo Prisma, para rematar con sorteo de agasallos entre os participantes.

“Temos moita ilusión, entre o Goberno por ter a posibilidade de ampliar as propostas de ocio e de lecer para os nosos maiores, pero tamén se percibe esas gañas entre os asistentes cando veñen a recoller as súas entradas. A Seca vai ser este domingo punto de encontro, lugar de conversas e de festa”, conclúe.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio