A feira multisectorial Poio Mostra celebrarase en abril

27/01/2025

Foi un dos asuntos tratados na Mesa de Comercio Local que se celebrou esta mañá, coa asistencia do alcalde Ángel Moldes, do delegado da Xunta, Agustín Reguera, e representantes de En Poio.

A feira multisectorial Poio Mostra celebrarase do venres 4 ao domingo 6 de abril. Así se acordou na Mesa de Comercio Local que se realizou esta mañá no Concello de Poio, que estivo presidida polo alcalde, Ángel Moldes, e que contou coa asistencia do delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e representantes da asociación empresarial En Poio.

Unha reunión na que puxeron en valor o éxito da edición que se celebrou o ano pasado na Seca, na que participaron un total de 60 empresas de diferentes sectores e incluíu tamén unha exposición de vehículos de ocasión. “A mostra foi un éxito, e por iso desde o Concello de Poio volveremos a apostar e apoiar a En Poio para que repitan experiencia. É unha oportunidade para reunir a todos os negocios do noso municipio nun só espazo, no que amosar toda a oferta e variedade que a cidadanía pode atopar en Poio, sen necesidade de desprazarse a outros concellos, cunha atención próxima e con produtos variados e de calidade”, sinalou Ángel Moldes. Así, o seguinte paso será realizar unha comunicación previa coa data da celebración do evento á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Ademais da feira multisectorial Poio Mostra, na reunión tamén se abordaron outras cuestións relacionadas co comercio de proximidade da vila e coa formación específica para autónomos en horarios flexibles. Nesta liña, Moldes reiterou a necesidade de reforzar o transporte público durante os meses de tempada alta, tanto frecuencias como número de prazas, tal e como se fixo o ano pasado.

Por último, destacaron o papel fundamental destas mesas como foros de cooperación, debate e participación entre a administración autonómica, local e os axentes representativos do tecido comercial.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio