A CIFRA DE 4.000 VISITAS A TAMBO ESTE VERÁN DEMOSTRA O COMPROMISO DO CONCELLO DE CONVERTER A ILLA NUN REFERENTE DO TURISMO SUSTENTABLE

12/01/2024

2023.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, confirma o compromiso do novo Goberno local para que a Illa de Tambo se consolide como “un referente cultural e natural único no mundo, que o será tamén do turismo sustentable”.Faino tras coñecer os datos das visitas realizadas á illa durante este verán, o primeiro completo desde a cesión de Tambo ao Concello de Poio por parte do Ministerio de Defensa e o comezo das visitas guiadas regulares. Unhas cifras que confirman que 4.000 persoas visitaron a illa entre o 1 de xuño e o 10 de setembro.

Algo máis da metade dos visitantes, percorreron a Illa dentro das visitas guiadas regulares que operan desde o Porto de Combarro, operadas por dúas empresas navieiras, mentres que o resto fixérono mediante viaxes organizadas por colectivos, asociacións veciñais, culturais e outras, principalmente de Poio.

Por meses, xuño rexistrou 1.264 visitantes, por 957 en xullo, 1.475 en agosto -o mes con maior número de visitas polo momento-, e 255 visitantes durante os primeiros dez días de setembro. A chegada destas persoas á illa supuxo un total de 83 desprazamentos, o que arroxa unha media de algo menos de 50 persoas por grupo.“Poucos datos demostran con máis claridade que temos un proxecto de futuro para Tambo cun eixo principal: a sustentabilidade”, engade.

UN LEGADO INCOMPARABLE QUE CONSERVAR E POÑER EN VALOR

Moldes tamén destaca o traballo do Goberno local na conservación, vixilancia e mellora da Illa, pero tamén o das entidades e persoas que veñen traballando no seu mantemento e dinamización, e institucións como a Xunta que amosaron a súa disposición para colaborar na adecuación do castro, a catalogación dos bens patrimonial ou a tramitación dunha figura de protección para a Illa.Por parte do Concello, durante este verán levouse a cabo traballos constantes de desbroce e posta a punto da illa, así como labores de vixiancia e mesmo a dotación de paneis informativos dando a benvida aos visitantes e informando sobre as normas e directrices aplicables na illa.

A xestión de Tambo conxuga “responsabilidade e ilusión: a primeira, necesaria para preservar e poñer en valor un legado incomparable, e a segunda para descubrir e aproveitar todo o potencial da Illa, sempre respectando a súa historia e facendo que todos os veciños se sintan partícipes deste proxecto”. Nese sentido, o alcalde adiantou que o goberno local aproveitará a baixada na frecuencia das visitas propia do fin do verán para avanzar na solicitude da declaración da Illa como Espazo Natural de Interese Local (ENIL), así como no Plan de Usos, sempre en colaboración co resto de administracións, continuar coas labores de posta a punto, seguridade e vixiancia e seguir traballando en “descubrir os tesouros que esconde e facilitar o seu desfrute, sempre desde a sustentabilidade”.

As visitas a Tambo seguirán realizándose, polo menos, durante os domingos e festivos dos meses de setembro e outubro, en grupos limitados, acompañados por guía e accedendo polo peirao. A duración da visita oscila entre 2,5 e 3 horas e inclúe a realización dunha ruta guiada de uns 2 km polos puntos de especial interese de Tambo. Cada visitante precisa unha autorización de acceso, expedida gratuitamente polo Concello, e billete dunha das navieiras que realizan a viaxe desde o Porto de Combarro. Tamén é posible solicitar autorización como asociación ou colectivo para organizar visitas conxuntas.

Os interesados poden atopar toda a información, consultar dispoñibilidade, solicitar a pertinente autorización e realizar a reserva na web www.turismopoio.com

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio