Dá continuidade ao pavimentado do camiño de Esperón a Xuviño, “unha das pistas municipais que estaban máis deterioradas”, que se executou a principios de ano.
O Concello de Poio rematou as obras para ampliar a rede de pluviais no camiño de Cachafeiro, no lugar do Xuviño, e dar solución aos problemas de inundacións tanto no vial, que complicaban a circulación de vehículos e o paso de peóns en épocas de chuvias intensas, así como nas fincas anexas.
Segundo explica o alcalde, Ángel Moldes, “foi unha actuación sinxela pero moi necesaria, xa que vai permitir mellorar de xeito notable a calidade de vida da veciñanza deste lugar”. As actuacións solucionarán as carencias nos colectores e na rede, un feito que derivaba en gran acumulación de auga. Uns problemas que, recorda, orixináronse ao deixar sen saída de pluviais tras asfaltar estes camiños e agraváronse ao adoquinar os viais limítrofes sen dar continuidade ao colector. Así, as obras incluíron tanto a dotación dun sistema de drenaxe e evacuación de augas pluviais mediante a instalación de tramos de tubaxe no tramo que quedou pendente, como o pavimentado do camiño.
A mellora deste camiño dá continuidade ao pavimentado que se fixo a principios de ano no camiño de Esperón a Xuviño, co que enlaza, “unha das pistas municipais que estaban máis deterioradas”. Nesta liña, Moldes recorda que estas son unhas vías municipais moi transitadas e polas que, ademais, transcorre a Variante Espiritual do Camiño de Santiago. Entre os dous proxectos, fíxose un investimento de preto de 75.000 euros.
Este ano Poio destinou fondos do plan +Provincia para dar resposta “a todas esas actuacións en camiños rurais que levan anos esperando mantementos e melloras, viais secundarios que son moi transitados polos veciños, para ampliar a rede de servizos básicos e tamén para solucionar problemas ocasionados por execución de proxectos incompletos”.
Así, ademais deste proxecto, tamén se reservaron investimentos provinciais para mellorar a rede de pluviais e asfaltar no Sartal; mellorar o firme e completar a rede de pluviais no camiño do Outeiro de Fontenla, en San Xoán; completar un proxecto que quedou a medias no anterior mandato, coa instalación de alumeado público na rúa do Adro e Travesía Porteliña; investimentos para mellorar o firme do camiño do Cemiterio e travesía Poio de Arriba, no lugar de Encoirados, na parroquia de San Salvador; así como para mellorar o firme e completar a rede de abastecemento e pluviais na rúa Costa de Arriba e no camiño do Castaño, ou mellorar o firme e crear un muro de contención en Camiño do Souto, en Combarro.