O Concello de Poio incluirá a reposición da rede de abastecemento e saneamento na avenida da Cruz, en Combarro

24/05/2024

A Xunta de Goberno aprobou esta semana un modificado ao proxecto inicial, con data de 2022, que deixaba fóra este tramo da PO-308.

O Concello de Poio aprobou esta semana unha modificación ao proxecto da renovación de servizos na PO-308, entre Fontenla e Combarro, para incluír tamén a reposición da rede de abastecemento e saneamento de auga na avenida da Cruz.

O alcalde, Ángel Moldes, que visitou esta mañá o lugar acompañado do xefe provincial do Servizo de Infraestruturas da Xunta de Galicia, Manuel Ángel González Juanatey, para coordinar os traballos subliña que “para o Goberno era unha preocupación que este tramo quedase incompleto, xa que esta zona sufriu inundacións en varias ocasións, provocando danos en casas e garaxes, e por iso era prioritario ofrecer unha solución á veciñanza”.

Trátase dun modificado ao proxecto inicial, que data de 2022 e que prevía a actuación entre os puntos quilométricos 3+600 e 5+250, pero que excluía a reposición neste lugar (puntos quilométricos 3+600 a 5+330 aproximadamente). Esta ampliación da rede supón un investimento de case 30 mil euros, de xeito que o orzamento final de toda a obra ascenderá a 173.005,79 euros. Este modificado contempla a conexión destes servizos básicos nun punto máis lóxico, como é o inicio das beirarrúas do núcleo urbano de Combarro, substituíndo deste modo un tramo deteriorado e que é obxecto de continuas roturas e avarías. Ademais, contempla tamén unha pequena mellora nas conexións do saneamento separativo no punto quilométrico 4+440 da PO-308.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio