Manuel Domínguez reitera o compromiso do Concello de Poio coa compostaxe

20/05/2024

Esta mañá visitou os centros de compostaxe comunitaria acompañado da mestra composteira que, desde a semana pasada, se ocupa do seu mantemento en coordinación co persoal municipal.

O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Domínguez, visitou esta mañá os centros de compostaxe comunitarios do municipio acompañado da mestra composteira que, desde a semana pasada, se ocupa do seu mantemento e supervisión en coordinación co persoal municipal. Domínguez reitera o compromiso do Concello de Poio coa compostaxe, e recorda que este tipo de tratamento dos restos de comida e vexetais é o xeito máis beneficioso á hora de xestionar os residuos orgánicos: “compostar é crer nun concello máis verde, e desde o concello seguimos traballando para avanzar nunha separación de residuos eficaz que redunde no coidado do medio ambiente”.

O concelleiro recoñece que é moita a veciñanza interesada e implicada coa separación de residuos, un compromiso que non se limita exclusivamente ao uso dos composteiros comunitarios, senón que cada vez son máis as persoas que instalan composteiros individuais nos seus fogares. As persoas que queiran solicitalo, deben contactar previamente chamando ao teléfono 604 025 288, no que tamén poden anotarse para participar nestas sesións ou solicitar maior información sobre a compostaxe.

Nesta liña, explica que o cambio de mestra composteira por cuestións laborais exclusivamente técnicas (a duración do contrato cumpriu o prazo máximo e continuar con el suporía fraude de lei) non repercute no funcionamento do servizo, que se seguirá prestando con total normalidade en colaboración coa Deputación de Pontevedra.

Por último, desde a concellería de Medio Ambiente recordan que os veciños de Poio tamén teñen á súa disposición o préstamo gratuíto de biotrituradoras para utilizar a nivel particular e, deste xeito, evitar queimas. O triturado serve como estruturante no composteiro e para acolchar hortas, zonas de xardíns e bases de árbores. As persoas interesadas no préstamo domiciliario poden informarse no teléfono do servizo de compostaxe (604 025 288).

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio