O roupeiro municipal de Poio deu resposta a preto de 80 persoas nos seis meses de funcionamento

16/05/2024

Natividad Torres recorda que “o obxectivo é apoiar ás familias con dificultades ao tempo que fomentamos e potenciamos o uso de roupa de segunda man, reducindo así o número de desfeitos”.

O Concello de Poio fai unha valoración “moi positiva” do funcionamento do roupeiro municipal, un servizo que comezou a prestar hai seis meses e que, neste tempo, xa atendeu a 76 persoas. Segundo explica a concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, nestes primeiros seis meses atendeuse a máis de 20 familias usuarias. Cada martes, a propia concelleira e persoal municipal visitan o roupeiro na Casa Rosada para recibir ás persoas que son derivadas directamente dos Servizos Sociais municipais e que, persoalmente, teñen a oportunidade de elixir o tipo de prendas que máis lle gustan ou que precisan en cada momento.

Torres recorda que “o obxectivo deste programa gratuíto é atender, apoiar e axudar ás familias con dificultades, ao mesmo tempo que fomentamos e potenciamos o uso de roupa de segunda man, roupa que está en bo estado, que previamente pasa un filtro, dando unha segunda vida a prendas ou artigos que outras persoas xa non utilizan”. A propia concelleira e a educadora familiar encárganse de seleccionar a roupa, comprobar que estea en boas condicións, que non teña ningún descosido ou manchas.

Este servizo está destinado a usuarios derivados directamente desde o departamento de Servizos Sociais, persoas en situación de especial vulnerabilidade e que asinan un documento comprometéndose a non revender a roupa que se lle dona.

Como indica a concelleira, o roupeiro municipal non só axuda ás persoas que reciben as prendas, senón que tamén beneficia ás persoas que buscan un lugar no que desprenderse de roupa ou, incluso, outras pertenzas que están en bo estado pero que xa non lle son útiles e que non saben que facer con elas. De feito, nestes meses tamén son moitas as doazóns que se recibiron de veciños de Poio e, incluso, doutros concellos da contorna.

As persoas que queiran facer as súas doazóns, poden entregalas ou informarse no Pazo Besada en horario de mañá ou na Casa Rosada, tamén en horario de tarde. Ademais de roupa e calzado, tamén poden facer entrega de roupa de cama, sillas e outros artigos para bebés, mochilas… que estea limpa e en bo estado. As principais necesidades do roupeiro, neste momento, son roupa de home e calzado.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio