Novos cursos de fruticultura, poda, horta e cosmética ecolóxicas, fermentación e reciclaxe de papel

19/03/2024

O obxectivo é fomentar a economía circular e o respecto ao medio ambiente.

O Concello de Poio organiza cinco obradoiros para fomentar a economía circular e o respecto ao medio ambiente, entre os que se inclúen Fruticultura, poda e enxertos, Cosmética ecolóxica natural, Horta ecolóxica, Fermentación como método de conservación e Reciclando papel. Segundo explica o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Domínguez, todos os cursos son gratuítos e poden participar neles un máximo de 25 persoas.

A primeira proposta, Fruticultura, poda e enxertos, ten unha duración de 16 horas, repartidas en catro sesións, os días 22 e 23 de marzo, e 4 e 5 de abril, en horario de 16.00 a 20.30 horas, agás o sábado 23, que será de 10.00 a 14.00 horas. O alumnado aprenderá de xeito práctico os criterios de plantación, intensidade de poda en función das especies máis comúns, como reformar unha finca xa establecida, os enxertos máis comúns, así como recomendacións para ter froita na horta todo o ano.

O curso da Horta ecolóxica impartirase os días 10, 11, 17 e 18 de abril, de 16.30 a 20.30 horas. Este obradoiro pretende axudar ás diferentes persoas a organizar a súa finca para conseguir un maior entendemento do funcionamento dunha horta, así como as relacións que nela se dan para poder acadar mellores resultados. Dende unha visión global achegaranse ao mundo da agricultura orgánica explorando diferentes metodoloxías e aportando diferentes ferramentas que axuden a entender mellor o funcionamento das terras de cultivo.

As inscricións para estas dúas primeiras formacións pódense facer desde mañá, luns, a través da mestra composteira do concello, no teléfono 604025288.

Con respecto aos cursos Cosmética ecolóxica natural e Fermentación como método de conservación, aínda están pendentes de data, que se confirmarán nos próximos días. No primeiro caso, terá unha duración de 12 horas e amosará métodos de elaboración tradicional e explicacións sinxelas para o recoñecemento das plantas, flores e demais produtos naturais que se utilizan en cada elaboración de cosmética natural, desde xabóns para a cara ou o corpo, ata o coidado do fogar con produtos naturais.

No segundo caso, o obxectivo é introducir ás persoas participantes no mundo da fermentación caseira, un método de conservación tradicional que ofrece moitas posibilidades para transformar e crear alimentos superiores en nutrientes, desenvolver novos aromas e sabores, reducir o desperdicio orgánico e xerar unha maior conciencia de aproveitamento.

Por último, o obradoiro Reciclando papel destinarase ao alumnado de 1º da ESO do IES de Poio que, a través de tres xornadas, adentrarase nos conceptos básicos sobre a xestión dos residuos e as tres R, espertando conciencia sobre a importancia de minimizar a produción de lixo, e traballarán nun obradoiro de reciclaxe para elaborar follas artesanais a partir da reutilización de papel común usado.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio