Adxudicadas a reforma do parque infantil de Chancelas e a creación de dous vestiarios no campo de fútbol

25/06/2024

No caso do parque infantil, conta cun investimento de 26.238,60 euros e inclúe a mellora integral da área lúdica. As melloras no campo da Seca realízanse con cargo ao Plan provincial de Infraestruturas Deportivas e ascende a 44.475,21 euros.

A Xunta de Goberno Local adxudicou esta mañá os proxectos de reforma integral do parque infantil de Chancelas e a creación de dous novos vestiarios no campo de fútbol da Seca, actuacións que comezarán a executarse de xeito inmediato.

No primeiro caso, reformarase a área de xogos infantil para crear un espazo seguro para a rapazada. O proxecto adxudicouse á empresa Bricantel España, por importe de 26.238,60 euros, e contempla a renovación dos elementos de xogo, que abarcan diferentes idades de uso, en función da habilidade e destreza dos usuarios. Así, inclúese un pórtico con columpios, un equipo combinado de tobogán con plataforma e xogo de muelle. Todos os elementos instalados no parque contarán coa homologación necesaria. Ademais, dotarase de pavimento de caucho continuo e substituirase todo o valado do perímetro, que presenta moito desgaste, madeiras podrecidas, lamas rotas… sendo un perigo para os usuarios. A reforma integral deste parque está financiada coa colaboración da Xunta de Galicia, que fai unha achega do 70% do custe.

No caso do campo de fútbol, o proxecto adxudicouse á empresa Construcións Lemos Martínez por importe de 44.475,21 euros. O proxecto, financiado a través do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas da Deputación de Pontevedra, plantexa crear dous novos vestiarios, un para equipo local e outro para visitante, adaptando o espazo existente baixo as gradas, onde están os antigos baños e a sede da SCD. Con esta actuación, o Concello de Poio dará resposta a unha demanda histórica dos clubs locais e facilitará que os usuarios poidan cambiarse na propia instalación, ofrecendo maior comodidade. Ata o de agora, os equipos tiñan que desprazarse ata outros espazos deportivos da contorna para facelo, como por exemplo o campo da Reiboa ou o propio ximnasio, unha molestia que empeora en caso de choiva.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio