Rafa Cabeleira, os premios ao Deporte e o recordo á festa no Campillo marcan o inicio do San Xoán de Poio

25/06/2024

Ángel Moldes sinalou que “o San Xoán forma parte da identidade do noso pobo, das nosas lembranzas, dos nosos recordos de infancia” e agradeceu a presencia de cada vez máis visitantes, “aos que transmitir esta paixón por unha festa, moi arraigada en Galicia, pero que en Poio vivimos dun xeito moi especial”.

As Festas de San Xoan de Poio dan hoxe o pistoletazo de saída coa lectura do pregón do xornalista e columnista Rafa Cabeleira, veciño de Campelo, e a entrega dos premios e recoñecementos aos mellores deportistas da tempada.

O alcalde Ángel Moldes apuntou que “temos todo listo para dar a benvida ao verán a golpe lume e tradición, música, cacharelas e gastronomía… deixando fóra todo o malo e comezando un tempo novo con máis forza, gañas e luz, pero sen esquecer nin deixar atrás as nosas orixes”. E recordou que “o San Xoán forma parte da identidade do noso pobo, das nosas lembranzas, dos nosos recordos de infancia”. Nesta liña, sinalou que “o San Xoán é para nenos, maiores, mozos… Unha festa cun significado especial para toda a veciñanza”. Pero tamén agradeceu a presencia de cada vez máis visitantes, “aos que transmitir esta paixón por unha festa, moi arraigada en Galicia, pero que en Poio vivimos dun xeito moi especial”. A todos, desexou “gozar destas festas máxicas. É o voso momento, tempo de saír á rúa, de disfrutar, de compartir… Iso si, dun xeito seguro, con respecto e con moito sentidiño”.

Antes de dar paso ao pregoeiro, asegurou “comezar esta edición do San Xoán do mellor xeito posible”, e referiuse ao recoñecemento aos mellores deportistas locais desta tempada, pero tamén co pregón “dun dos nosos veciños, Rafa Cabeleira, e recordando esas festas no campillo, hoxe coa música do Trío Arena”. Ademais, ironizou con que “seguro que comparto opinión coa súa avoa, ao dicir que xa ía sendo hora de que a Rafa lle tocara subirse a este balcón!”.

PREMIOS AO DEPORTE

Iria Tilve, Nicolás Braña e o equipo sénior feminino do Poio Pescamar, recibiron hoxe os premios San Xoán 2024 ao deporte na Praza do Mosteiro. Ademais, o Concello de Poio tamén recoñeceu a traxectoria esta tempada doutros deportistas locais nas categorías feminina, masculina e equipos. Así, recibiron a súa distinción Lorena Nieto Pérez (kayak polo), Laura Alonso González (ximnasia rítmica), Cristina Expósito Rial (piragüismo), Lara Rodríguez Pintos (piragüismo), Lola Ferro Guiance (ximnasia rítmica), Carolina Santos Villalón (atletismo), Sabela Martínez Peón (atletismo), Xulia Losada Carramal (taekwondo), Noa Muñiz Arís (kickboxing), Sofía Fernández Fernández (kickboxing), Martín Expósito Rial (piragüismo), Diego Piñeiro Pereira (piragüismo), Kike Muñiz Muñoz (kickboxing), Germán Utesá Martínez ( kickboxing), Marco Utesá Martínez (boxeo), Naim Sequera Figueiras (taekwondo), os equipos sénior masculino e feminino do Poio Balonmán Artai, Veteráns Club Atlético de Combarro, o equipo prebenxamín mixto de fútbol sala Poio, Veteráns Atlético Peña Rácing, os equipos benxamín e xuvenil de fútbol base Poio, o equipo C4 de piragüismo composto por Alejandro Gómez Rodríguez, Manuel Rey Rodríguez, Ismael Caldas Iglesias e Nicolás Braña Rial, e de C2 formado por Alba Rodríguez Requejo e Iria Tilve Señoráns.

FOGUEIRAS E LIMPEZA DAS PRAIAS

A festa continúa mañá, domingo 23, que comezará coas alboradas das agrupacións locais Escola de Música Tradicional de Poio e Vides Novas polas parroquias. Ademais, o alumnado da Escola de Música de Poio ofrecerá o seu primeiro concerto. Será na Praza do Mosteiro, ás 12.45 horas. Xa pola tarde, as Pandereteiras do Ronsel organizan a tradicional recollida de herbas de San Xoán e pola noite, desde as 21.30 horas, na Seca celebrarase a sardiñada popular, coa música de Los Player, o espectáculo de lume e o prendido da fogueira.

Na noite do San Xoán tamén serán moitos os particulares que prenderán as súas cacharelas en Poio, rexistrándose ata 200 solicitudes de fogueiras en todo o municipio. Desde o Concello de Poio chaman á responsabilidade para manter as praias e os espazos naturais limpos de residuos e ser respectuosos coa preservación da contorna.

Ademais, recordan que a persoa solicitante será a responsable de cumprir estritamente todas e cada unha das condicións e as normas de seguridade, entre as que se inclúen a prohibición de ubicar un asador en zonas públicas; o volume do combustible da fogueira non sobrepasará os 8 metros de perímetro e os 3 metros de altura; a separación entre os edificios e árbores será como mínimo de 4 metros para as grelladas de de 12 m para as fogueiras; terase especial coidado de non situar as barbacoas e as fogueiras baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, así como de que nos arredores non exista ningún local no que se almacenen produtos inflamables. Asemade, teranse en conta inclemencias metereolóxicas como a aparición de vento á hora do prendido e mantemento da grelladas ou fogueira, prestando especial atención ás lascas producidas. Prohíbese a queima de neumáticos, plásticos, escumas de poliuretano, aceites, etc, e en xeral de calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico; e en ningún caso se botarán ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (sprays), aínda que estean baleiros; e deberase ter un punto de auga ou extintor próximos para proceder ao seu apagado ante calquera emerxencia.

SEIS DÍAS DE FESTA

O Concello de Poio programou seis días de festa para ofrecer un San Xoán participativo e con propostas atractivas para todos os públicos. Ata o xoves 27, os actos litúrxicos mesturaranse con programación cultural, propostas para toda a familia e as actuacións dalgunhas das mellores orquestras galegas para amenizar as veladas nocturnas: Panorama, Kubo, Los Players, Capitol, Miramar, Gran Parada e Marbella.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio