A FEDELLENETA DO NADAL VISITA ESTA SEMANA OS CENTROS ESCOLARES DE POIO

14/01/2024

2023.

A Fedelleneta do Nadal do Concello de Poio visita esta semana todos os centros de ensino do municipio para promocionar toda a programación organizada para gozar destas festas. O espectáculo coa musica do dj Javi Solla e coa animación da fedella Tere están percorrendo cada centro de infantil, de primaria e secundaria durante esta semana. Así, o martes visitaron o IES de Poio e o colexio de Isidora Riestra, esta mañá estiveron en Viñas e Lourido, ata onde tamén se achegaron o alcalde Ángel Moldes e a concelleira de Cultura, Natalia Sabarís, e entre mañá xoves e o venres estarán nos centros de Chancelas e Espedregada e nas escolas infantís da Galiña Azul, Saíñas, Trastes e do Bao.

Ángel Moldes sinala que “este é un Nadal participativo, queremos que toda as crianzas se contaxien da ilusión por estas festas, porque eles teñen que ser os protagonistas. Por iso apostamos por achegar as nosas propostas aos centros de ensino e, de paso, agradecerlles toda a súa colaboración coa decoración das casiñas que protagonizan as sete Aldeas de Nadal de Poio”.

A programación volve esta fin de semana ás Aldeas de Nadal. Así, o venres 15 o punto de encontro será nos Muíños de Samieira a partir das 17.30 horas coa batukada “Os Queimatasas”, o espectáculo “Aldea Musical do Nadal” con Nelson Quinteiro e o Tren Máxico.

Xa o sábado 16, a protagonista será a Aldea de Nadal da Praza da Chousa, en Combarro. A partir das 11.30 a batuka “Canecos” comezará a animar o ambiente, e ás 12.30 horas será a quenda da Fedelleneta do Nadal co espectáculo de Tere e o dj Javi Solla. Tamén estará o Tren Máxico do Nadal, e ao remate repartirase chocolate quente con nubes.

O domingo 17 a Papanuelada Moteira organizada polo Motoclube A Rosa dos Ventos percorrerá as estradas do municipio a partir das 17.00 horas, para acabar na carpa instalada na Seca.

Tamén esa mesma tarde, ás 17.00 horas, o Centro Cultural Xaime Illa, en Raxó, acollerá o espectáculo infantil “Cantos e contos do Nadal”, coa cantante Uxía, que estará acompañada por Sergio Tanus e Santiago Cribeiro. A entrada é de balde.

QUERES A VISITA DOS REIS MAGOS?

Por outra banda, desde a Asociación de Empresarios En Poio puxeron en marcha a iniciativa “Queres unha visita dos Reis Magos?” destinada para persoas de máis de 85 anos que non poden saír paraa ver ás súas maxestades o 5 e 6 de xaneiro. Anotándose nalgún dos establecementos adheridos, pódese solicitar que os Reis Magos os visiten nos seus fogares os días 2, 3 e 4.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio