UNANIMIDADE DO PLENO PARA SOLICITAR UN PRÉSTAMO PARA PAGAR FACTURAS HERDADAS E COMPRAR A GARDERÍA DE CAMPELO

12/01/2024

2023.

Unanimidade de toda a corporación de Poio para aprobar no pleno de onte unha operación de crédito para pagar unha parte das  facturas de investimentos herdadas do anterior mandato, por valor de 423.804,64 euros, así como para a compra da antiga gardería de Campelo para convertela no Centro de Día de Poio, para a que se reservan 300.000 euros. Un apoio de toda a corporación que se repetiu tamén no resto de propostas presentadas polo goberno e que afectan á xestión municipal.

Tras enumerar cada unha das preto de 70 facturas de autónomos e pequenos empresarios, moitos deles de Poio, que se van a abonar con cargo a este préstamo, o alcalde Ángel Moldes recordou durante a súa intervención que “desde o Goberno non estamos alarmando coa situación económica do concello, estamos informando da realidade. Cada día hai un desfile de autónomos que preguntan cando van cobrar as súas facturas, e este préstamo é un acto de responsabilidade para pagar os pufos que deixastes en vésperas das eleccións municipais, porque a alternativa sería non pagalas e provocar a ruína a todas esas persoas. E xa que temos que facer esta operación, aproveitamos para sacar algo positivo para os nosos veciños coa compra da gardería de Campelo”. Con todo, subliñou que aínda hai facturas pendentes que os técnicos están revisando e comprobando si están feitas e se adecúan aos prezos do mercado.

Ademais, durante a súa intervención Moldes sinalou que “este novo Goberno está facendo un importante exercicio no control do gasto”, facendo fincapé en que recibiron un orzamentos con todas as partidas practicamente esgotadas, “pero sen que inflúa nunha diminución dos servizos municipais. Estamos facendo moito máis e gastando menos. Esta é outra forma de gobernar”, engadiu, ao tempo que recordou que “o noso plan de Goberno é o noso programa electoral, a proposta que apoiaron de xeirto contundente os veciños de Poio. Imos facer o que non fixeron vostedes en 30 anos”.

Unha desas promesas, salientou, é converter a antiga gardería de Campelo no Centro de Día de Poio, “unha realidade que estamos a piques de conseguir en menos de tres meses do novo Goberno”.

No pleno de onte, tamén se acordou iniciar os trámites necesarios para crear un ente supramunicipal de xestión de auga e dotar dunha regularidade administrativa coa que garantir a igualdade das condicións nas que se presta o abastecemento de auga á poboación de Poio, Pontevedra, Marín, Bueu, Sanxenxo, Vilaboa e Ponte Caldelas. “Non é normal que os concellos que se abastecen no mesmo lugar paguen diferente, e por iso é urxente iniciar canto antes este proceso para garantir igualdade de condicións e asegurar a cogobernanza de todos os concellos. Unha medida que vai beneficiar aos nosos veciños”, explicou Moldes.
Outros dos puntos que recibiron o apoio unánime foron asinar convenios de colaboración educativa coas universidades de Santiago de Compostela e de Vigo para que o alumnado poida realizar prácticas extracurriculares no concello.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio