O CONCELLO TRAMITA A CONTRATACIÓN DE SEIS SOCORRISTAS PARA A TEMPORADA DE VERÁN

12/01/2024

2023.

O Concello de Poio traballa no proceso para a contratación de seis socorristas, garantindo este servizo básico nas praias de Cabeceira, en Lourido, e en Xiorto, na parroquia de Raxó, durante o verán. Tal e como xa é habitual, a devandita tramitación ábrese a persoas que estean en situación de desemprego que estean incluídos na sondaxe realizada polo Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados e que estean dispoñibles para o emprego na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes, en base á oferta de emprego realizada polo Concello.

As bases xa se poden consultar na Sede Electrónica do Concello, unha vez que foron aprobadas pola Xunta de Goberno Local. Serán seis as contratacións temporais, cunha duración de 3 meses. O servizo entrará en vigor a principios do mes de xullo tanto en Cabeceira, praia que un ano máis contará con Bandeira Azul, como en Xiorto, un dos areais máis concorridos por bañistas no municipio. As solicitudes tramitaranse por vía telemática, na propia Sede Electrónica. No caso de optar polo modo presencial, requirirase cita previa no Rexistro Xeral. Os e as aspirantes preseleccionados a través do SEPE deberán presentar a documentación esixida no período sinalado na carta emitida polo propio Servizo Público de Emprego. Esta documentación consta do DNI, fotocopia da tarxeta de demandante de emprego, carné de conducir B, título de socorrista acuático e documentación acreditativa da inscrición no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia, entre outros documentos.

Unha vez expirado este prazo, darase a coñecer a lista de persoas admitidas e excluídas, no Taboleiro de Anuncios da Sede Electrónica. Haberá dous días hábiles para poder realizar enmendas e reclamacións, antes de que se publique a listaxe definitiva. A partir de aí, procederase coas probas selectivas, mediante o sistema de concurso en quenda libre e cunha fase de concurso para valorar os méritos achegados polas persoas aspirantes.

Durante o verán de 2022, os e as socorristas contratadas atenderon preto de 700 incidencias ao longo dos tres meses da tempada estival, sumando as intervencións levadas a cabo en Cabeceira e Xiorto.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio