COMEZA A ATENCIÓN AO PÚBLICO DOS SERVIZOS SOCIAIS, MOCIDADE E O CIM NO PALACETE DE BESADA

12/01/2024

2023.

O Palacete de Besada, situado na parroquia de San Salvador, empezará a rexistrar xa actividade diaria desde este xoves 27 de abril. Será entón cando os departamentos de Servizos Sociais, Mocidade e o Centro de Información á Muller (CIM) comecen a realizar a atención ao público nestas emblemáticas dependencias, cuxa rehabilitación e reforma integral concluíu hai uns meses, grazas a un proxecto elaborado polo Concello, a través da área de Urbanismo e Promoción Económica.

Deste xeito, esta semana xa se completará o traslado das oficinas que ata o de agora se emprazaban na Casa Rosada. Segundo explica a concelleira de Servizos Sociais, Benestar Social e Mocidade, a socialista Rosa Fernández, na planta baixa quedarán habilitadas as oficinas correspondentes a Servizos Sociais, mentres que no primeiro andar se instalarán os e as traballadoras da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Mocidade. Nesta planta tamén se emprazará o Centro de Información á Muller. Asemade, habilitaranse dous ordenadores para a veciñanza, que poderán ser utilizados para realizar xestións e trámites telemáticos.

Con respecto á Casa Rosada, esta continuará acollendo actividades lúdicas, tal e como se viñan facendo ata o de agora. No Palacete de Besada haberá atención ao público en horario de mañá.

O Concello promoveu a reforma deste histórico inmoble, que a principios do século XX albergou a residencia do exministro de Asuntos Económicos Augusto González Besada, a través dunha achega do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra que superou os 500.000 euros. A reforma efectuada no Pazo de Besada serviu para dotar ás dependencias de servizos básicos, ademais de varias salas e despachos para o persoal municipal, así como un salón de actos no primeiro andar, no que nos últimos meses xa se celebraron diferentes eventos. Ademais, tamén se puxeron a punto as terrazas exteriores, que serán zonas de esparcemento e de descanso para as persoas maiores. O edificio conta agora tamén cun sistema de calefacción e de iluminación baseado na eficiencia enerxética e tamén garante a mobilidade universal, ao contar con acceso para persoas con problemas neste eido, así como cun ascensor para acceder ás plantas superiores, segundo recorda o edil de Urbanismo, o socialista Gregorio Agís.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio