LOURIDO CONTA DESDE ESTE VENRES CUN MONÓLITO NA MEMORIA DE MAGÍN FROIZ, FILLO ADOPTIVO DE POIO E UN REFERENTE POLA SÚA VINCULACIÓN COA VILA E O SEU LABOR INCANSABLE

12/01/2024

2023.

O alcalde de Poio, Luciano Sobral; acompañado por representantes da Corporación municipal e doutras institucións, participou este venres nun dos actos que o Concello de Poio organiza para honrar a lembranza de Magín Froiz, finado en marzo de 2022. Logo de ser declarado Fillo Adoptivo de Poio, a figura do histórico empresario tamén será recordada grazas á colocación dun monólito na glorieta situada en Lourido, nas proximidades da sede principal do Grupo Froiz. Un lugar de paso habitual para Magín Froiz, tal e como lembrou a edil de Deportes, Marga Caldas, ao inicio do acto, que tamén quixo poñer en valor o espírito colaborativo e solidario de Froiz, así como o deporte e o ciclismo como grandes paixóns, que o levaron a dar vida ao GD Supermercados Froiz, club de referencia e cunha traxectoria impresionante que “representa á perfección os valores de traballo, compañeirismo e esforzo que caracterizaron a Magín Froiz”.

A peza artística foi elaborada por Daniel Acuña Mariño, que foi alumno da Escola de Canteiros de Poio. Tamén estivo presente a familia do fundador do Grupo Froiz. A súa filla Braulia foi a encargada de agradecer a todas as persoas asistentes a súa presenza e a organización deste acto, apuntando o especial que resultaba este lugar para o seu pai.

Antes do descubrimento do monólito, o alcalde Sobral lembrou que “foi aquí, en Lourido, onde Magín Froiz comezou a consolidar unha empresa referente a todos os niveis no sector, xerando milleiros de postos de traballo. Sabemos que Magín nunca buscou ningún tipo de protagonismo, pero calquera recoñecemento que lle poidamos facer ben o merece, pola súa solidariedade, profesionalidade por non dubidar nunca á hora de botar unha man na organización de eventos deportivos, lúdicos, sociais e culturais”. Luciano Sobral considera que este monólito “fai máis inesquecible se cabe a súa figura e servirá para que o seu legado tamén sexa coñecido polas futuras xeracións de Poio”.

O acto finalizou coa interpretación de varias pezas musicais a cargo do grupo de gaiteiros da Asociación Cultural Vides Novas.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio