O CEIP VIÑAS ACOLLE O INICIO DO CICLO DE CONTACONCOS “VIVENCIAS DE MULLER” PARA O TECIDO EDUCATIVO DE POIO

12/01/2024

2023.

O último bloque da programación desañada con motivo do Día Internacional da Muller, celebrado o pasado 8 de marzo, xa está en marcha. A tenente de alcalde e responsable da área de Igualdade, Silvia Díaz (Avante Poio), acompañada pola psicóloga do CIM, Lidia Fazanes, participou este martes no primeiro dos contacontos do ciclo ‘Vivencias de Muller’, unha iniciativa a través da cal o alumnado dos CEIP do municipio teñen a oportunidade de coñecer de primeira man as experiencias vitais das cinco veciñas de Poio que neste 2023 foron homenaxeadas por seren “un exemplo de vida e heroínas durante os 365 días do ano”, tal e como recalca a propia Díaz.

A mestra xubilada Rosa Rey Amoedo, de San Salvador, foi a gran protagonista desta primeira cita, que tivo lugar no colexio de Viñas. Os integrantes de Polo Correo do Vento son os encargados de ofrecer estes contacontos, nos que, dunha forma dinámica e orixinal, fan un repaso á vida destas cinco mulleres, que son, ademais de Rosa, Julia Prado Iglesias (Raxó), Dolores Balboa Barreiro (Samieira), Laura Currás Fernández (Combarro) e Peregrina García Castro, ‘Chicha’ (San Xoán). Entende a tenente de alcalde que esta é “unha fórmula axeitada e eficaz para que as futuras xeracións poidan coñecer as dificultades ás que tiveron que facer fronte estas cinco mulleres e o papel fundamental que xogaron no ámbito social, familiar e laboral durante décadas”.No caso de Rosa Rey, a protagonista deste primeiro encontro co tecido educativo, cómpre lembrar que, precisamente, exerceu durante moitos anos como mestra, impartindo clases a varias xeracións de veciños e veciñas en diferentes colexios.

Os contacontos de ‘Vivencias de muller’ continuarán este xoves, coas visitas aos CEIP de Lourido e Isidora Riestra e finalizarán o venres 24 en Chancelas e Espedregada. Nestas citas tamén se efectúa o reparto de exemplares do libro ‘Mulleres en Poio 2023’, realizado polo propio Correo do Vento e ilustrado por Tania Solla. Trátase dunha publicación subvencionada pola Deputación de Pontevedra, cunha axuda de 6.000 euros, na que as protagonistas son as cinco veciñas homenaxeadas nesta edición do 8M.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio