XA ESTÁ ABERTO O PRAZO PARA PARTICIPAR NA TRIXÉSIMA PRIMEIRA EDICIÓN DO CONCURSO LITERARIO XAIME ILLA COUTO

12/01/2024

2023.

Un ano máis, a Concellería de Cultura,  a Sociedade Cultural e Deportiva (SCD) Raxó e o resto de colectivos que forman parte do Consello Municipal de Cultura poñen en marcha o Concurso Literario Xaime Illa. Un certame que xa supera os 30 anos de existencia e que está plenamente consolidado como un gran referente no eido da literatura, a poesía e o relato curto na provincia de Pontevedra. Así o demostra o elevado grao de participación rexistrado na edición de 2022, cando se presentaron máis de 170 obras, algunhas das cales enviadas desde diferentes países de Europa.

VER BASES

A edil responsable da área, a nacionalista Raquel Rodríguez, informa de que xa está aberto o prazo de participación, logo de que as bases do concurso fosen aprobadas pola Xunta de Goberno Local. Como xa é habitual, as modalidades do concurso serán as de poesía e relato curto ou conto. Cada participante poderá presentar un único traballo por categoría, utilizando a lingua galega e con temática libre. Os menores de 17 anos terán que estar empadroados no concello de Poio ou matriculados nalgún dos centros educativos do concello. No caso dos de 18 cara adiante, a participación non terá limitación xeográfica. O xurado encargado de analizar as obras presentadas estará formado por unha representación elixida a tal efecto por parte do Concello Municipal de Cultura. A entrega de premios terá lugar o 17 de maio, dentro da programación que a Concellería de Cultura desenvolverá para conmemorar o Día das Letras Galegas, que este ano se lle adica a Francisco Fernández del Riego.

Unha das principais novidades desta edición é o incremento das contías para os premiados e premiadas nas seis categorías, divididas en función da idade. As catro primeiras, que abarcan dos 6 aos 15 anos, contarán con premios de 90 euros para os gañadores e gañadoras, mentres que na de 16 e 17 será de 110. O premio para o autor ou autora da peza mellor valorada polo xurado en maiores de 18 anos será de 400 euros. Ademais, tamén se fará entrega dun diploma e dun agasallo conmemorativo. O prazo para a presentación dos relatos curtos e poemas finalizará o  12 de abril, ás 14.00 horas.

Por último, a concelleira de Cultura lembra que a entrega dos textos poderá realizarse no Concello de Poio ou mediante envío de correo certificado. Ademais, tamén é posible efectuar a entrega nos centros educativos públicos do municipio e nas sedes das asociacións que forman parte do Consello Municipal de Cultura (SCD Raxó, SCD Samieira, Ateneo Corredoira de Combarro, Asociación Boureante da Seara e Asociación Vides Novas de San Salvador). As bases poden consultarse na páxina web do Concello, así como nos seus perfís oficiais en Facebook e Instagram.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio